publicidade hoxe

A Xunta propón trasladar a comisaría da Policía Autonómica de Vigo á Cidade da Xustiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Alfonso Rueda na visita ás instalacións da Policía Autonómica de Vigo

Alfonso Rueda na visita ás instalacións da Policía Autonómica de Vigo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións da sede da Policía Autonómica de Vigo, onde mantivo unha xuntanza cos seus responsables e axentes. No encontro, transmitiulles o interese da Xunta en trasladar esta comisaría á que será a futura Cidade da Xustiza.

Na reunión -á que tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o comisario da Policía Autonómica, Silverio Blanco- explicou que o goberno autonómico xa ten encargado os redactores do proxecto que estuden a fondo a posibilidade deste traslado, así como os custos e a viabilidade desta proposta.

Este traslado, de levarse a cabo, suporía grandes vantaxes ao tratarse dunha ubicación máis céntrica, con máis espazo, e nun edificio público con dotacións xudiciais. Ademais, esta solución permite ao mesmo tempo seguir dotando de contido á futura Cidade da Xustiza, na que a Xunta investirá preto de 25 millóns de euros e que permitirá concentrar nun mesmo edificio todas as dotacións xudiciais da cidade.

Actualmente, o goberno galego xa está traballando para que esas instalacións sexan unha realidade. De feito, nos próximos días está previsto adxudicar as obras de demolición das partes que serán retiradas, uns traballos que terán unha duración estimada de cinco meses. A continuación, licitarase a fase de rehabilitación, que se prolongará previsiblemente durante 24 meses. O obxectivo fixado é que a Cidade da Xustiza estea rematada antes de que acabe o 2019.

29 de maio de 2017 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.