publicidade hoxe

A Xunta agarda que o Concello de Vigo remita a súa proposta técnica para a conversión da AP-9 entre o centro da cidade e o enlace de Buenos Aires

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, no que salientou que a Xunta leva agardando dende febreiro a que o Concello de Vigo remita a súa proposta técnica para a conversión en vía urbana do treito da AP-9 entre o centro da cidade e o enlace de Buenos Aires.

Vázquez Mourelle recordou que na primeira reunión da Comisión da AP-9, o 22 de febreiro, a Xunta e o Ministerio de Fomento acordaron solicitarlle ao Concello que trasladase unha proposta técnica que compatibilice integración urbana, capacidade e funcionalidade, para poder analizar a viabilidade da intervención que se plantexa, e que se entende que debe de estar prevista nos traballos de redacción do novo Plan Xeral.

A conselleira, ao día seguinte da reunión, dirixiuse persoalmente ao alcalde de Vigo para comunicarlle que a conversión en vía urbana fora abordada nesa xuntanza; para solicitarlle unha proposta técnica e ofrecerlle a total colaboración do Goberno galego. O alcalde manifestou ante os medios que ía trasladar a proposta esa mesma tarde, pero a día de hoxe o Concello non ten dado resposta á carta enviada.

A conselleira subliñou que esta conversión, entre outras melloras, permitiría todos os movementos, cando a día de hoxe este treito está pensado para o tráfico interurbano e non son posibles os desprazamentos que proveñan do centro de Vigo ou entren cara el.

A Xunta vén apoiando esta iniciativa e está a favor de converter ese treito de preto de 2,5 km da AP-9 nunha vía con características urbanas, porque sería de gran utilidade para Vigo e para a toda a súa zona de influencia. Así, desconxestionaríase o tráfico, dado que se podería circunvalar parte do núcleo urbano da cidade, servindo como alternativa a rúas moi saturadas como Sanjurjo Badía ou Travesía de Vigo. Ademais, posibilitaría que a AP-9 deixase de ser unha barreira urbana e se convertese nunha arteria estratéxica para o tráfico local.

Cómpre salientar que esta actuación ten unha certa complexidade porque este treito rexistra un tráfico de 57.000 vehículos/día e trátase dunha vía xestionada polo Ministerio de Fomento a través de concesión, que se convertería en urbana, o que requiriría a modificación previa da concesión e cambio de titularidade.

A conselleira indicou que tanto a Xunta como o Ministerio consideran que unha actuación destas características debe ser estudada en detalle e co máximo rigor para poder contribuír a facer cidade coa reforma deste vía, preservando ao mesmo tempo, a súa funcionalidade e a súa capacidade. Por iso, e dado que o Concello é a Administración máis próxima aos cidadáns, a que debe coñecer de primeira man o fluxo de tráfico nas entradas da cidade e as necesidades e demandas dos veciños e familias da zona, é a que asumiría a titularidade da vía.

10 de maio de 2017 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.