publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o equipamento térmico de biomasa de Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+
Cores Tourís visita as instalacións da nova caldeira de biomasa

Cores Tourís visita as instalacións da nova caldeira de biomasa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitou esta mañá o concello de Bueu para, en compaña do alcalde da localidade, Félix Juncal, comprobar a instalación dunha caldeira para a que o municipio solicitou unha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Inega.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado tamén do xefe territorial deste departamento en Pontevedra, Ignacio Rial.

O concello de Bueu instalou unha caldeira de biomasa para a produción de ACS no pavillón municipal Pablo Herbello, para o que solicitou unha axuda do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) de case 18.000 euros, a través da liña de axudas para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa. En total, o investimento roldou os 24.000 euros. O aforro enerxético co uso desta caldeira foi cifrada polo grupo de Goberno local nun 70%.

A maiores, tamén se acaban de instalar novas luminarias na pista do pavillón coas que se renovou a instalación a través dunha axuda de 20.000 euros procedente do Inega a través da liña de Aforro e Eficiencia Enerxética en Concellos para Mellora e Ampliación de pequenas Infraestruturas.

En relación as axudas para a instalación de caldeiras de biomasa, Cores Tourís destacou que en 2016 beneficiáronse destas subvencións, na provincia de Pontevedra, 12 concellos, os de Vila de Cruces, Cuntis, Forcarei, Dozón, Cambados, Silleda, Bueu, Illa de Arousa, Lalín, Porriño, Meis e Covelo, destinando o INEGA un montante total de 565.622 euros para a execución de un total de 28 caldeiras. Estes proxectos supuxeron un investimento global de 780.000 euros.

Segundo informou o delegado territorial, a nova liña de axudas para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa contará con 4,6 millóns de euros, dos cales 1 destinaranse a proxectos de entes municipais. A solicitude destas subvencións está aberta ata o 24 do presente mes, e os beneficiarios, ademais dos concellos, tamén poderán ser edificios da administración (cunha dotación orzamentaria de ata 1,3 millóns de euros), entidades sen ánimo de lucro (350.000 euros), e empresas legalmente constituídas e autónomos (2 millóns de euros). O porcentaxe de axuda será do 80% no caso das entidades públicas e dun 50% no resto, cunha contía máxima de axuda por proxecto de 200.000 euros e por solicitante de 1 millóns de euros.

Por outra banda, tamén está aberta unha liña de axudas para persoas físicas, agrupacións privadas ou propietarios de inmobles do sector residencial de cara a poñer en marcha pequenas infraestruturas de equipamentos térmicos de biomasa. Neste caso, a contía global da convocatoria ascende a 2,2 millóns de euros.

6 de abril de 2017 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.