publicidade hoxe

Cetmar e os seus socios en ‘Climefish’ reúnense para avanzar na definición de estratexias ante o cambio climático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar participan esta semana na primeira reunión anual do proxecto Climefish, unha iniciativa financiada polo programa europeo Horizonte 2020 e na que a institución galega traballa xunto a 21 socios de 16 países na busca de medidas de actuación ante o cambio climático.

O consorcio está reunido dende onte na cidade cretense de Heraklion, en Grecia, onde durante tres días farán balance do primeiro ano de actuacións e avanzarán nas vindeiras estratexias de traballo.

No caso de Cetmar, a Fundación está a liderar as accións de interacción cos axentes interesados e como tal encárgase da posta en marcha dunha plataforma para facilitar a participación dos colectivos da pesca e da acuicultura, organizacións non gobernamentais, equipas de investigación, etc. a nivel internacional. O obxectivo é facilitar o deseño de medidas de adaptación que se adecúen ás súas necesidades e intereses, así como aos desafíos do cambio climático.

O proxecto Climefish traballa en 16 estudos de caso nos sectores produtivos da pesca e da acuicultura mariña e da produción en lagos e estanques, que abranguen a máis de 25 especies.

Neste primeiro ano de proxecto, o seu labor centrouse nas predicións biolóxicas como punto de partida de cara a detectar riscos e oportunidades do cambio climático en cada un dos sectores analizados. En concreto, para Galicia, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC está a traballar no estudo de caso do mexillón.

Cun presuposto de 5 millóns de euros, o proxecto Climefish púxose en marcha hai un ano. Dende entón e ata 2020, os seus socios tentarán contribuír a que a produción dos produtos do mar vaia orientada a aquelas zonas e especies con potencial para crecer de forma sustentable, garantindo así o fortalecemento do emprego no sector e o desenvolvemento das comunidades costeiras.

26 de abril de 2017 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.