publicidade hoxe

A secretaria xeral para o Deporte confía en “acabar co problema da seguridade nas probas automobilísticas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Marta Míguez na clausura das charlas sobre seguridade viaria en eventos deportivos de motor

Marta Míguez na clausura das charlas sobre seguridade viaria en eventos deportivos de motor

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, clausurou esta mañá as charlas sobre ‘Seguridade viaria e comportamento en eventos deportivos de motor’ organizadas polo Concello de Salvaterra e polas escuderías Mix Rallye Sport e Surco. Na súa intervención, a máxima responsable do deporte autonómico advertiu aos rapaces e rapazas do IES Salvaterra de Miño que “os deportes como o automobilismo esixen unha gran responsabilidade, tanto dentro do coche coma fóra del”. “Esa responsabilidade tradúcese na seguridade dun piloto ao percorrer un tramo, e na seguridade dun espectador ao contemplar o trazado do vehículo sobre o asfalto”, engadiu.

Marta Míguez manifestou que desde a Xunta “estamos concienciados con acabar por completo co problema da seguridade nas probas automobilísticas, por iso levamos a cabo importantes accións para sensibilizar tanto aos afeccionados como aos profesionais que traballan neste eido”. Nesta liña lembrou as xornadas de seguridade e coordinación nas probas deportivas de motor que se realizaron en colaboración coa AGASP o pasado mes de marzo ou as xornadas de desenvolvemento e organización de eventos deportivos ‘As chaves do éxito’ realizado esta fin de semana no Campus de Ourense na Universidade de Vigo. “Só creando unha completa rede de institucións, entidades e persoas que poñan en común o seu traballo á fronte da organización de eventos conseguiremos que Galicia siga a ser un referente para o resto de comunidades e contribuiremos a ter unha maior seguridade para deportistas e público nos eventos que organicemos”, concluíu.

Na súa intervención no instituto pontevedrés, a secretaria xeral sinalou a unión entre educación e deporte como “unha das mellores vías para mellorar a nosa sociedade” e transmitiu aos rapaces a importancia dos rallys como “unha modalidade deportiva con moita tradición en Galicia”. Entre eles destacou o Rally Sur do Condado como “un dos mellores rallys do campionato galego de asfalto, concretamente, a quinta proba do circuíto” e que terá lugar os días 8 e 9 de xullo.

5 de abril de 2017 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.