publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo mellora as dotacións públicas de Xove con máis de 600.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoXove
A-
A+

O Goberno da Deputación mellorou aos 3.400 veciños de Xove as súas dotacións públicas con máis de 600.000 euros do orzamento de 2016. Así o avanzou este martes o Presidente, Darío Campos Conde, que xunto ao Alcalde, Demetrio Salgueiro, supervisou as actuacións que financiou o Executivo Provincial neste municipio.

Unha delas foi a dotación, con 250.000 euros, de herba artificial ao campo de fútbol anexo ao Municipal, no que cada semana adestran e xogan 200 persoas. De feito, o Presidente mantivo un encontro con rapaces da Unión Deportiva Xove Lago.

O Presidente estivo con veciños de zonas rurais onde o Goberno Provincial arranxou con 270.000 euros o firme de estradas municipais. E é que o Executivo da Deputación achegou 130.649 euros para o acondicionamento do firme do camiño municipal de Vila-Beltrán; outros 88.568 euros para o asfaltado da pista de acceso a Reboredo; así como 9.753 euros para tratamentos de emulsión asfáltica, bacheo e limpeza de cunetas no acceso á praia de Lago, un dos areais máis concorridos do Concello. Tamén financiou o acondicionamento do Camiño en Bael, en San Cristóbal; o acceso ao Campo da festa de Portocelo; e o camiño de Aguieira-Ventoselle.

Campos Conde supervisou a mellora e ensanche dun treito de 800 metros da vía municipal de acceso á Barxa, en Lago, que financiou o Executivo Provincial con case 50.000 euros. Trátase dunha vía con moito transito, pois comunica empresas auxiliares de Alcoa asentadas en Morás coa dita factoría.

O titular provincial comprou o estado das melloras levadas a cabo no alumeado público da Avenida Deputación para as que o Goberno da Deputación achegou máis de 20.300 euros. Consistiron na dotación de novo equipamento da que é unha das principais vías de comunicación do Concello, co que se reducirá en máis de 6.000 euros ao ano a factura municipal pola luz.

Emprego e Servizos Sociais

Ademais destes investimentos para mellorar as dotacións públicas, o Goberno da Deputación achegou 20.000 euros para asumir o Servizo a Domicilio de 80 veciños deste Concello que non reciben nin un só euro por parte da Xunta porque non están catalogados como dependentes. Tamén levou outros 37.000 euros para a xeración de postos de traballo e reforzar as prestación públicas municipais co DEPUEMPREGO. É o plan de emprego do Executivo Provincial nos Concellos, que en Xove permite a contratación dun coidador para a Escola Infantil Municipal e dun administrativo para o servizo de inserción laboral no Consistorio.

19 de abril de 2017 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.