publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña destina 201.918 euros á construción dunha senda peonil entre Mesón do Vento e Meirama, en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrdes
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación das obras de construción dunha nova senda peonil de 1.700 metros de lonxitude na estrada DP 2405, entre os puntos quilométricos 5+820 e 7+510, no termo municipal de Ordes.

A Deputación da Coruña destina un total de 201.918 euros a estas obras, que se inclúen dentro do plan provincial de sendas peonís, e que pretenden mellorar a seguridade viaria. A senda conectará coa beirarrúa xa executada no núcleo urbano de Meirama, completando así o itinerario peonil entre Mesón do Vento e Meirama, un tramo onde é habitual a presenza de transeúntes.

Así mesmo, este novo tramo proporcionará un acceso a pé seguro ata a central térmica de Meirama e favorecerá os desprazamentos dos veciños do lugar de Brea (Ordes), por onde discorrerá a maioría da senda.

Ademais, as obras permitirán eliminar as barreiras arquitectónica, favorecendo así o uso do camiño por persoas con mobilidade reducida.

A nova senda terá un ancho de dous metros e estará composta por unha capa de 55 centímetros de solo seleccionado e 20 centímetros de zahorra artificial. Así mesmo, recubrirase por unha capa de formigón e pintarase de verde, para homoxeneizala ás demais sendas da contorna.

Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e adaptar o tráfico ao tránsito dos peóns, instalaranse novos pasos de cebra e sinalización vertical. Así mesmo, as zonas colindantes rozaranse e plantarase céspede.

As obras, que estarán rematadas nun prazo estimado de 6 meses, tamén incluirán a execución de cunetas, recubertas por lousas de formigón e dotadas de desaugadoiros, para garantir a correcta evacuación das augas da plataforma.

17 de abril de 2017 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.