publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xoán Carlos García Porral presenta en Lalín o seu último libro “O último caseiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaLalínLocal Portada
A-
A+
Xoán Carlos García Porral

Xoán Carlos García Porral

O Museo Ramón María Aller de Lalín acollerá este venres 31 de marzo, ás 20.15 h, a presentación de “O último caseiro”, o derradeiro libro de Xoán Carlos García Porral. Unha obra ambientada no rural na que, a través de pequenos relatos, se narra o devir dun caseiro dende cativo ata a súa vellez.

O acto estará aberto ao público en xeral ata completar aforo e contará coa presenza da profesora María Carmen Ares, o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, o xerente de Ausama, Miguel Villar; o xerente da Cooperativa Hoxe, Lito Andión; o ilustrador do libro, Caio Samos; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; e o autor, Xoán Carlos García Porral.

A obra

“O último caseiro” consolídase como un exemplo claro da vida dun caseiro do rural galego, capaz de extrapolar estas vivencias de xeito que o lector poida identificar ao protagonista con calquera outro caseiro de calquera aldea galega.

Un total de 57 relatos divididos en tres claras fases, o caseiro neno, o mozo e o grande; e como a súa vida transcorre nunhas terras que non son súas. Esta obra, convértese nun reflexo dunha sociedade quizais aínda presente na que, como di Celso Fernández Sanmartín “este relato cheo de historias e histórico desprende un vapor necesario como a transpiración ligada a traballos duros, porque precisamente fala da vida menos recompensada que un poida imaxinar. Escrava seguro que é unha palabra que nos resulta máis dura e clara, porque caseiro inda a temos moi enriba de nós e tan naturalizada que sen tomar distancia non a vemos tal como é: o fondo do pozo da sociedade”.

Colaboracións

Este libro, editado por Edicións Fervenza, está ilustrado por Caio Samos, natural de Brasil, quen coas súas ilustracións aporta forza visual aos relatos. Así mesmo, na publicación desta obra contouse coa colaboración da Xunta de Galicia, a Cooperativa Hoxe e o Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.

O autor

Xoán Carlos García Porral (Goiás, Lalín -Pontevedra-, 1974) Obtivo o grao de Doutor en Antropoloxía Social pola USC cunha tese sobre a modernización do rural mantendo a tradición cultural.

Conta cun Máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural polo CSIC e a USC. A súa actividade investigadora céntrase na difusión do patrimonio histórico-cultural da Comarca de Deza. Froito dela son os libros Goiás, vida dunha parroquia rural galega (Seminario de Estudios de Deza, 2002); Realidade eclesiástica do concello de Lalín na época postridentina (Seminario de Estudios de Deza, 2006, en coautoría con Óscar González Murado); Modernización rural e tradición cultural  (Lóstrego, 2008); Lendas castrexas. Antropoloxía da tradición oral no concello de Lalín (Lóstrego, 2010); De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea  (Lóstrego, 2012); e O mundo dos castros. A comarca de Deza (Faro de Vigo, 2014, en coautoría con Antonio Presas García).

Como profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda e membro do seu Equipo de Normalización Lingüística, impulsou o proxecto A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, que resultou gañador do IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego (2014-15).

Ten publicada unha ducia de artigos nas revistas Descubrindo, A trabe de ouro e Lucensia, ademais de ser colaborador no xornal Faro de Vigo. Na teima de difundir o patrimonio inmaterial e o mantemento da identidade cultural no rural, imparte charlas en colexios, institutos, congresos e cursos de formación. Froito desta inquedanza e en colaboración con Antonio Presas García e Celso Fernández Sanmartín, no 2015 naceu o folleto 22 gramos de ouro.

27 de marzo de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.