publicidade hoxe

Galicia mostra o seu apoio a que o “crecemento azul” se converta nunha prioridade na UE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O Comité das Rexións (CdR) aprobou hoxe un ditame sobre a necesidade de desenvolver unha nova etapa para a política europea de crecemento azul. Esta proposta foi aprobada na comisión de Recursos Naturais (NAT) do CdR e está pendente de ratificación no próximo pleno deste organismo, que terá lugar en maio. O ditame recoñece que os desafíos económicos e ambientais relacionados cos mares son cada vez máis importantes no debate político internacional, o que esixe dunha política marítima transversal.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou no intercambio de ideas e aprobación do documento na comisión NAT do CdR. O texto subliña que as rexións son axentes sustentables no desenvolvemento da chamada economía azul, é dicir, unha economía que pon no eixo o mar e as súas actividades relacionadas. Ao ser unha economía inscrita nos territorios, as rexións desempeñan un papel decisivo no apoio ás pemes, o desenvolvemento das infraestruturas portuarias e a política de emprego nas profesións do mar. Por iso, aínda que o balance da estratexia de crecemento azul para a nosa comunidade é polo momento positivo –a nosa comunidade investiu 27,2 millóns de euros en crecemento azul no período 2009-2016 e ten o compromiso de aumentar dito apoio, ata os 57 millóns entre 2016 e 2020–, Galicia coincide co CdR en que o próximo marco financeiro plurianual teña un enfoque máis territorial.

Nova etapa do crecemento azul

No ditame do CdR pídese que o mar se converta nunha nova ambición común e sexa obxecto dunha auténtica política, como elemento central da economía azul, aplicada a través de todos os sectores económicos. Neste sentido, o documento aprobado considera tamén necesario reforzar o apoio á I+D+i, establecendo como obxectivo no próximo programa marco que o 10% dos proxectos contribúan en gran medida á investigación mariña. Hai que ter en conta que a Comisión Europea estima que os 5 millóns de postos de traballo en Europa xerados pola economía do mar se multiplicarán nas próximas décadas, polo que o crecemento azul supón unha oportunidade para Galicia en materia de emprego.

O CdR propón ademais que os asuntos marítimos sexan obxecto de reunións semestrais dunha formación do Consello dedicada ao mar, asignalos a un vicepresidente da CE e elaborar un Libro Branco titulado “O mar no centro das políticas europeas”, que inclúa unha folla de ruta. Desta forma, a política marítima europea permitirá á UE mellorar, entre outros asuntos, a seguridade das fronteiras, a regulación do comercio marítimo, a protección da biodiversidade ou o desenvolvemento da economía azul nos distintos sectores como a pesca, o turismo e as enerxías mariñas. Para tal fin, o CdR considera que a Presidencia maltesa, así como a declaración ministerial sobre as políticas marítimas europeas que se adoptará o 20 de Abril de 2017, son a oportunidade perfecta, xa que que permitirán, cinco anos despois, renovar a declaración de Limassol.

Europa despois de 2020

O debate sobre unha nova etapa do crecemento azul resulta especialmente útil en vésperas do comezo das negociacións sobre o marco financeiro plurianual posterior a 2020 da Unión Europea, que definirá as políticas da UE da próxima década. O CdR destaca tamén a importancia de incluír o ámbito mariño nas negociacións do Brexit, de forma que se protexa os intereses das partes implicadas. Doutra banda, na comisión NAT presentouse un proxecto para un futuro ditame sobre gobernanza internacional dos océanos, que tamén contou con achegas da Xunta. En concreto, en Galicia considérase que a análise internacional dos océanos debe ter en conta a pesca pero tamén outras actividades conexas a este espazo e que provocan impacto no mesmo, como son o turismo ou as actividades extractivas minerais. O problema radica en que a pesca é unha das actividades económicas máis amplamente reguladas que pode derivar nunha dobre ou tripla regulación que reduce a súa competitividade.

No CdR discutiuse ademais un proxecto de ditame sobre a PAC post 2020 no que se pon de manifesto que a desertización demográfica de numerosas zonas rurais reflicte o incumprimento dos obxectivos de cohesión territorial da UE. Para solucionar esta problemática, o relator propón o deber de non exportar máis produtos a prezos inferiores ao custo de produción e que se dea apoio público á PAC, por exemplo a través de pagos directos aos agricultores. Este debate forma parte dunha gran reflexión colectiva sobre o futuro da PAC, que a Comisión acaba de iniciar ao abrir ata maio unha consulta pública respecto a política agrícola común.

30 de marzo de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.