publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Anxo Lorenzo destaca a Ricardo Portela como “figura emblemática na historia da gaita en Galicia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Con motivo do 25º aniversario do pasamento de Ricardo Portela, a Consellería de Cultura e Educación colabora con diversas iniciativas de homenaxe á que constitúe, en palabras de Anxo Lorenzo, “unha das figuras máis emblemáticas na historia da gaita en Galicia”. O secretario xeral de Cultura participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do disco conmemorativo de Oscar Ibáñez, así como dos actos que se van celebrar nos próximos días e que van ter o seu núcleo central nos concellos de Cotobade-Cerdedo e en Pontevedra.

“Non hai probablemente mellor acto de honra ao mestre de Viascón ca a propia música, que seguir alimentando o repertorio que el traballou”, asegurou Anxo Lorenzo en relación ao disco que acaba de editar Oscar Ibáñez. O traballo leva por título ‘Aires de Pontevedra’, que, segundo recordou o secretario xeral, é unha desas pezas que xa integraron nos seus repertorios músicos de todo o mundo, grazas tamén á amplificación que lle deu o grupo Milladoiro”.

Dignificación da sonoridade da gaita

Da contribución de Portela á música tradicional puxo en valor a súa procura constante dunha “interpretación de sonoridade auténtica, a través do toque pechado e da ornamentación traballada, cunha consideración da gaita como un instrumento de rango maior, como un instrumento para a escoita”. “Esta homenaxe –reafirmou– a ese esforzo de dignificación e de perfeccionamento da sonoridade da gaita, con música, da man dun dos mellores gaiteiros que temos hoxe, como é Oscar Ibáñez, empeñado en non deixar esmorecer as técnicas e os saberes dos mellores músicos das xeracións que o precederon, é a mellor das homenaxes”.

Xunto co disco, o programa de conmemoración do 25º cabodano de Portela tamén inclúe outras iniciativas que se levarán a cabo o próximo venres 24 de marzo, día do aniversario do pasamento: unha ofrenda floral no concello de Cerdedo-Cotobade –que estivo representado na rolda de prensa polo seu alcalde, Jorge Cubela–, e mais unha gala homenaxe no Teatro Principal de Pontevedra, municipio que estivo representado na presentación desta mañá pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Tamén participou na rolda o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal.

Os actos do día 24 comezarán ás 12:30 horas coa ofrenda floral en Cotobade-Cerdedo, na praza do Concello, e continuarán ás 17:00 horas cun pasacalle en Pontevedra a cargo de Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres e Foulas. A cidade do Lérez tamén será escenario, ás 18:30 horas, da descuberta dunha placa conmemorativa na rúa do Laranxo, 8. Finalmente, a xornada rematará cunha gala de homenaxe, ás 21:00 horas, no Teatro Principal pontevedrés coa presentación do disco ‘Aires de Pontevedra’, que incluirá diversas actuacións musicais e entrevistas.

22 de marzo de 2017 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.