publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a empresa Hifas da Terra como exemplo de creación de emprego no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, puxo hoxe en valor a empresa Hifas da Terra de Pontevedra como exemplo de creación de emprego no rural nunha visita que realizou á compañía dedicada á biotecnoloxía e produción ecolóxica. A base da produción desta iniciativa emprendedora está no rural, xerando emprego a máis de 30 familias directamente e ata 100 de forma indirecta. Toca destacou, así mesmo, a aposta desta firma pola innovación, clave, segundo afirmou, para o seu crecemento e internacionalización.

Para fomentar o emprendemento e a formación no rural, Toca explicou que a Xunta vén de activar un Plan específico neste ámbito con 30 millóns de euros e 10 medidas entre as que resaltou o programa Galicia Rural Emprende para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no rural. A actuación contén unha axuda básica de 20.000 euros que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000. O prazo de solicitude para estas axudas xa está aberto e rematará o 1 de maio.

Outra medida innovadora deste Plan específico de formación e emprendemento no rural é a Formación á porta coa que se acercará ata os concellos que non conten con centros homologados as actuacións necesarias para obter certificados de profesionalidade centrados nas oportunidades de colocación desas zonas.

A creación de 6 laboratorios cooperativos no rural é tamén unha medida innovadora coa que se pretende, coa colaboración da Rede de técnicos de Galicia, identificar oportunidades de negocio para a creación de cooperativas. Outras das accións previstas son, cun orzamento de 1,7 millóns, a mellora dos incentivos á contratación dándolles unha intensidade maior, dun 25%, para as empresas do rural.

A formación en industrias forestais é outra medida coa que se aumentará a oferta formativa en forestal, carpintería e madeira nos centros de formación profesional de Economía, Emprego e Industria. Entre outras actuacións neste campo, promoverase o Centro de Investigación Agroforestal de Lourizán en materia de investigación.

A secretaria xeral de Emprego indicou, así mesmo, que Hifas da Terra conta cun cadro de persoal altamente cualificado, principalmente mozos e mozas, e mulleres nun 50%. Ao respecto, sinalou que as mulleres e a mocidade son dous colectivos prioritarios para o Goberno galego e así queda reflectido en todas as políticas activas de emprego a través da Axenda 20.

Emprego feminino

Con respecto á muller, Toca explicou que a Xunta está elaborando un Plan de Emprego Feminino que será unha folla de ruta coa que se pretende apoiar aínda máis o acceso ao traballo das mulleres, en especial daquelas que levan máis tempo no desemprego.

A secretaria xeral de Emprego explicou, así mesmo, que o Goberno galego mantén a discriminación positiva nas políticas activas de emprego e, deste xeito, un 55% das axudas para incentivar a contratación foron para empregar a mulleres desde 2009. Avanzou, ademais, que as próximas convocatorias de axudas, terán maior intensidade para as mulleres, entre outros colectivos, e que este ano aumentan nun 27% os apoios destinados a potenciar a igualdade nas empresas galegas.

En canto á mocidade, sinalou que a Administración autonómica está traballando para que Galicia recupere o emprego xuvenil a través do Sistema de Garantía Xuvenil que inclúe, entre outros programas, o reforzo e adecuación dos programas de orientación e formación á Industria 4.0 e o incremento dos incentivos á contratación.

14 de marzo de 2017 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.