publicidade hoxe

A Xunta impulsa ferramentas para acadar unha economía social en igualdade de oportunidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Covadonga Toca participa nun networking en Vilagarcía de Arousa

Covadonga Toca participa nun networking en Vilagarcía de Arousa

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Vilagarcía nun networking organizado pola cooperativa Dalle que Dalle con motivo do Día Internacional da Muller, onde expuxo as ferramentas coas que o Goberno galego, a través da Axenda 20 para o Emprego, está a traballar para conseguir unha sociedade en igualdade de oportunidades, tamén no eido da economía social.

Toca destacou que unha das prioridades da Administración autonómica é acadar que as mulleres galegas ocupen o lugar que lles corresponde no mercado laboral e, para iso, sinalou que a Xunta está traballar na elaboración dun Plan de Emprego Feminino, ao tempo que está potenciando os plans de igualdade e reforzando a colaboración coa Inspección de Traballo para actuar contra a discriminación. A secretaria xeral de Emprego apuntou que as axudas de emprego contan cunha maior intensidade para as mulleres e priman unha maior ratio de equilibrio nos seus cadros de persoal.

A secretaria xeral, ademais, puxo en valor o sector da economía social, en auxe en Galicia con máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas. Ao respecto, destacou o papel que xogan as cooperativas no tecido empresarial galego, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas da comunidade e a impulsar o emprendemento industrial.

A secretaria xeral de Emprego subliñou a importancia de colaborar coa economía social desde a Administración para contar cada vez con cooperativas de maior tamaño, máis innovadoras e que busquen abrirse a novos mercados, o que favorecerá a internacionalización do tecido industrial galego.

Neste eido, Toca recordou que o Goberno galego traballa na Estratexia para o Impulso do Cooperativismo Galego precisamente para que as cooperativas poidan gañar tamaño, innovar e abrirse a novos mercados. Esta planificación inclúe 87 medidas para potenciar a competitividade e internacionalización do sector cooperativo.

Recordou tamén que as compañías deste sector poden optar ao Fondo de Economía Social (FES), co que Xesgalicia achega financiamento ás compañías a través de préstamos desde 30.000 euros para realizar novos proxectos ou impulsar ao crecemento dos que xa están en marcha, especialmente no eido rural.

A Lei de Economía Social

Por último, a secretaria xeral lembrou que a Xunta aprobou o pasado ano a Lei de Economía Social de Galicia que ten entre os seus obxectivos dotar ao sector da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade.

Toca rematou a súa intervención animando ás empresas de economía social a seguir traballando para acadar “unha Galicia máis xusta e en igualdade de oportunidades, de progreso económico, sustentable e respectuosa co medio ambiente e o benestar social”.

8 de marzo de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.