publicidade hoxe

A Deputación da Coruña xestionará o Teatro Colón até a súa transferencia ao Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña anuncia que xestionará directamente o Teatro Colón desde a extinción do contrato de xestión privada até a súa transferencia definitiva ao Concello da Coruña ao longo do ano 2018. A Deputación garante, con esta decisión, a continuidade da programación do espazo cultural do que é titular.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, anunciou que será a Deputación da Coruña quen asuma a xestión do Teatro Colón, de maneira transitoria, a partir deste próximo mes de xuño despois de que o Concello da Coruña confirmase a súa disponibilidade a aceptar a cesión do espazo cultural.

A área de Cultura da Deputación da Coruña asumirá a xestión despois de que se extinga definitivamente o contrato coa UTE encabezada pola empresa Eulen, como xa adiantou a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartin, no pasado pleno de febreiro. A Deputación ponse á fronte da programación e a xestión do teatro por un período transitorio despois de que o Concello da Coruña confirmase a decisión de aceptar a cesión e sumar o Colón aos equipamentos culturais da cidade de xestión municipal. Deputación e Concello acordaron esta medida transitoria dada a imposibilidade de rematar o proceso de cesión con todas as garantías necesarias xusto despois do remate do contrato de xestión privada.

Goretti Sanmartín lembra que a transferencia era a opción preferente da Deputación desde que o pasado mes de xuño a empresa confirmou que non optaría á renovación do contrato, polo que iniciou xa naquel entón as xestións necesarias encamiñadas a cesión da xestión ao Concello da Coruña. Agora ábrese este período intermedio acordado co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o concelleiro de Culturas, Xosé Manuel Sande, até que se poida proceder á transferencia do espazo de maneira segura. Desde hai meses, equipos técnicos dos dous organismos están a traballar co fin de garantir a solidez do proceso.

Na reunión plenaria da Deputación da Coruña do pasado mes de febreiro, xa Goretti Sanmartín lembrou que se optou desde o primeiro momento polo traspaso de xestión ao Concello, en concordancia co acordo de goberno e, neste caso, tamén pola necesidade de coordinación co Teatro Rosalía de Castro e outros equipamentos culturais da cidade.

A Deputación da Coruña garante, neste período transitorio, a continuidade na programación do espazo do que é titular, despois do mes que a lei reserva para a súa recepción administrativa. Desta maneira o Teatro Colón desenvolverá programación de forma continuada e normalizada ao longo de todo o proceso, desde o remate da concesión actual até a súa cesión de uso ao Concello.

30 de marzo de 2017 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.