publicidade hoxe

Román Rodríguez gaba os ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’ na investigación humanística galega

Román Rodríguez na presentación do libro

Román Rodríguez na presentación do libro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou a importancia de ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’ e da serie ‘Anejos’ para a investigación histórica e humanística de Galicia, tanto pola súa cantidade (a revista vai polo número 129 en 63 volumes e os anexos alcanzan o número 42) como pola calidade científica. Así o salientou con motivo da presentación do libro ‘El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras)’, que precisamente constitúe o nº 42 da serie ‘Anejos’ de ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’, da Editorial CSIC.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia estivo acompañado polo delegado institucional do CSIC en Galicia e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; polo autor do libro e tamén investigador do CSIC no Padre Sarmiento, Isidro García Tato; polo presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; e polo secretario de ‘Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos’, Pablo Otero Piñeyro.

Quince anos de investigación

O estudo monográfico, de preto de 800 páxinas, é froito de 15 anos de investigación e estudo do fondo documental relativo ao destacamento penal das Minas de Valborrás de Casaio, custodiado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Precisamente, o conselleiro reivindicou o papel que xogan os Arquivos Histórico Provinciais como depositarios da memoria documental e garantes de moitos dereitos administrativos dos cidadáns galegos. En concreto, Román Rodríguez recoñeceu a angueira dos profesionais do AHP de Ourense, que traballan para que o tratamento documental, a recollida, custodia e servizo público nesta institución sexa o idóneo.

Así mesmo, tamén mencionou o labor realizado no Instituto Padre Sarmiento, que traballa de xeito especial no ámbito da Historia relacionado coa configuración identitaria de Galicia desde o Medievo. Neste sentido, cómpre destacar o convenio de colaboración asinado o ano pasado entre a Consellería e o Instituto para desenvolver actividades específicas de investigación.

Un libro monográfico

O libro presenta e analiza a historia do destacamento penal das minas de volframio de Casaio durante os anos que estiveron en funcionamento, entre 1942-1944. Deste xeito, abórdanse os inicios, a lexislación da Redención de Penas polo Traballo, a evolución da poboación reclusa, o réxime penitenciario ou a supresión do destacamento penal.

2 de febreiro de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.