publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Recóllese medio milleiro de sinaturas contra os cortes de luz en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

Preto de medio milleiro de persoas amosaron o seu malestar polos continuos cortes na subministración eléctrica que vén padecendo dende hai anos o municipio de Ordes. Así o fixeron saber plasmando a súa sinatura nas follas de reclamación que ao longo das últimas semanas ocuparon mesas e mostradores de bares, restaurantes, comercios, edificios públicos e administrativos, como o mesmo Concello. Un malestar xeneralizado que o Concello de Ordes xa puxo en coñecemento da empresa responsable, Gas Natural Fenosa, á cal xa lle remitiron todas as sinaturas recollidas.

A dita iniciativa arrancou como consecuencia dos cortes eléctricos acontecidos a mediados do mes pasado e que sumiron tanto á vila como a moitos dos núcleos rurais na máis absoluta escuridade por intervalos de varias horas e sucedéndose ao longo de varias xornadas. Unha situación que propiciou en conxunto cuantiosas perdas económicas para o tecido comercial, industrial e gandeiro da zona, ademais dunha morea de inconvenientes para a veciñanza a nivel doméstico. Hai que destacar a implicación e o labor realizado pola Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES), na posta en marcha e desenvolvemento desta iniciativa.

Tal e como se destacaba no escrito de reclamación elaborado dende o Concello “este tipo de cortes reiterados, motivados por causas descoñecidas, afectan ao normal desenvolvemento da actividade profesional, comercial, industrial, educativa e no ámbito particular por fallos en ascensores, alarmas, portais, equipos informáticos, electrodomésticos etc”.

Apertura de expediente

O pasado mes de xaneiro o Pleno de Ordes, a raíz dunha moción presentada polo BNG, demandou por unanimidade un rexistro das interrupcións na subministración eléctrica no municipio, os índices de calidade da súa continuidade, así como as actuacións que se van acometer para evitar os cortes de luz.

A actuación por parte das distribuidoras eléctricas está a ser  cuestionada por moitos sectores, incluída a Consellería de Economía, Emprego e Industria. O seu titular, Francisco Conde, tamén abrirá expediente informativo pola gran cantidade de incidencias ocasionadas a raíz do temporal dos últimos días, “para avaliar se actuaron de forma axeitada, intentando repoñer os danos no menor tempo posible”, e evitando o impacto tanto sobre os consumidores como na actividade económica en xeral. 

7 de febreiro de 2017 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.