publicidade hoxe

O obradoiro “Pontevedra Ficción” asume o reto de crear unha guía imaxinaria da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

“O reto que eu lle vou propoñer ás 20 persoas participantes neste obradoiro é que ao remate cada quen teña escrita a súa propia historia e que entre todas compoñan unha guía imaxinaria da cidade” asegurou a escritora Elena Gallego durante a presentación de “Pontevedra Ficción”. Con este obradoiro de creación literaria a Deputación de Pontevedra súmase á rede de Escolas de Escritoras e Escritores que a AELG ten por todo o país. A iniciativa foi presentada esta mañá no mesmo espazo físico no que se desenvolverá, as instalacións do Arquivo provincial, polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e a escritora Elena Gallego Abad.

” Desde as Administracións, o que pretendemos con esta colaboración coa AELG é potenciar a creación en lingua galega ” indicou Xosé Leal. O deputado fixo referencia a que ao sumarse a Deputación á Escola de Escritores e Escritoras se reforza a oferta deste tipo de cursos que se imparten en Pontevedra, posto que o propio Concello xa leva desenvolvendo esta iniciativa desde fai varios anos. Leal anunciou ademais que o traballo resultante de “Pontevedra Ficción” será editado nunha publicación propia desde a Editorial do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.

Cesáreo Sánchez ademais de celebrar a adhesión do ente provincial á rede de Escolas de Escritores e Escritoras da AELG, aproveitou para poñer en valor que “Pontevedra é unha cidade moi literaria, que abraza a quen a visita e que ten capacidade para provocar esa tradición literaria”. Cesáreo Sánchez asegurou que o obradoiro é unha oportunidade para “poñer en contacto a creadores e creadoras con xente nova e axudarlles a desenvolver a súa capacidade creativa”. Pola súa banda, Elena Gallego asegurou que “hai moitísima xente que ten historias en caixóns porque non atopan a ninguén que lles dea as receitas de como escribilas”. A autora asegurou que “unha novela non nace por xeración espontánea, hai moito traballo detrás, e debemos ter as ferramentas para abordala”. Neste sentido afirmou que compartirá coas persoas participantes no obradoiro “como é o meu proceso creativo, como comecei a escribir, e algúns detalles que eu considero importantes”. A cidade de Pontevedra será o punto de partida para abordar lendas, fitos e personaxes que lle permitan ás persoas participantes crear as súas propias historias. Neste aspecto, Elena Gallego tamén indicou que “a Memoria Histórica é algo que se repite moito en Pontevedra e a min gustaríame que alguén se atrevera con este tema”.

Elena Gallego é a creadora da saga literaria Dragal e da novela Sete Caveiras. Segundo indicou traballará coas persoas participantes a partires de sesións dinámicas e prácticas que lles permitan crear os seus propios relatos e ambientalos en escenarios, reais ou imaxinarios, da cidade.Das doce sesións do obradoiro, unha delas estará dedicada a unha lección maxistral a cargo de José Benito García Iglesias, que xa ten publicado unha novela histórica ambientada na cidade de Pontevedra.

O curso ten un límite de prazas de 20 persoas, das que aínda quedan libres 5. As inscricións poden realizarse no correo electrónico oficina@aelg.org ou no teléfono 981 133 233. A primeira das sesións terá lugar o vindeiro luns día 20 ás 17:00 horas e continuarán os días 22 e 23 de febreiro; os días 6, 8, 16, 20, 22, 27 e 29 de marzo; e o 3 e 5 de abril. Todas as sesión terán lugar no Arquivo provincial entre as 17 e as 19 horas.

16 de febreiro de 2017 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.