publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publicará a declaración provisional como espazo natural de interese local da contorna do río Abelleira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarralLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a declaración provisional e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local (EINL) o espazo Río Abelleira, no termo municipal de Carral, por proposta do propio Concello de Carral. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, que visitou o concello, acompañado polo alcalde José Luis Fernández Mouriño.

O ámbito sobre o que se produce a declaración localízase nas parroquias de Santa Mariña de Beira e Santiago de Sumio, do municipio de Carral. Comprende o Castro das Travesas, o Dominio Público Hidráulico e a zona de servidume do río Abelleira, nomeado tamén como Rego do Batán, ata a confluencia co río Barcés, e máis algúns enclaves adxacentes ao rego. É contiguo a outro ENIL, denominado Ribeiras do Mero-Barcés, que a súa vez linda coa Zona de Especial Conservación (ZEC) Encoro de Abegondo-Cecebre, e que forma parte da Rede Natura 2000. Conta cun plan de ordenación dos recursos naturais.

Durante o prazo da declaración provisional do ENIL Río Abelleira e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva, o Concello de Carral deberá de achegar á consellería de Medio Ambiente o Plan de Conservación deste espazo. Coidarase especialmente de que este plan garde a debida coherencia coas medidas de conservación previstas para a ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre, garantindo que a xestión que se propoña sexa compatible coa conservación do lugar da rede europea Natura 2000 e coa normativa que o regula.

O plan deberá ter en conta as consideracións feitas nos informes emitidos polo servizo territorial de Conservación da Natureza, pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e demais informes sectoriais do expediente, garantindo que a xestión que se propoña sexa compatible coa conservación. No caso de que o Concello de Carral non achegue o plan de conservación do Río Abelleira no prazo sinalado, teráselle por desistido da súa solicitude. O concello de Carral comprométese a consignar con cargo aos orzamentos municipais de cada ano as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

22 de febreiro de 2017 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.