publicidade hoxe

Folión de Entroido na Tradescola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Mañá martes día 21 de febreiro terá lugar un Entroido Tradicional con un Folión que partirá da Tradescola ás 17:30 h.e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

Quen queira participar no Folión pode traer bombos ou “ferramenta” (sachos, cunchas, latas… o que faga ruido) e practicar os toques o mesmo día ás 17:00 h. na Tradescola.

O percorrido previsto, se o tempo acompaña, é o seguinte: na Praza Horta do Seminario (17:45h.), fondo da Praza Maior (18:45h.), Praza do Campo (19:30h.), Praza da Soedade (20:15h.) e finalizarase de novo no fondo da Praza Maior (21:00h.).

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

UNHA ASOCIACIÓN CREADA PARA A PROMOCIÓN DA MÚSICA TRADICIONAL

A AGG conta neste momento con case 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as  comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.

A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.

20 de febreiro de 2017 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.