publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña inviste 840.000 euros para mellorar a seguridade das estradas de O Pino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaO Pino
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, desprazouse hoxe ata o concello de O Pino para supervisar o estado das obras que financia a institución provincial en diversos viais, e que supoñen unha inversión total de máis de 840.800 euros para mellorar a seguridade viaria e as conexións entre os núcleos de poboación do termo municipal.

González Formoso foi recibido á súa chegada polo alcalde, Manuel Taboada Vigo, e membros da corporación municipal, ante os cales explicou os diferentes proxectos e plans provinciais. O presidente provincial destacou a “importante presenza inversora da Deputación no concello de O Pino, a través da creación de diversas infraestruturas que contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños”.
Así mesmo, Formoso explicou que Plan de Emprego Local (PEL) triplicou a súa achega no municipio, pasando de 11.400 e 34.000 euros, cos que se espera potenciar o tecido empresarial do municipio.
Outro dos plans provinciais que se abordaron nesta reunión foi o novo Plan Único, que deixa en O Pino máis de 871.000 euros, unha cifra que poderá verse incrementada ao longo do exercicio en función da incorporación de remanentes.

Neste sentido, o alcalde, Manuel Taboada Vigo, afirmou que unificar as distintas achegas da Deputación nun só plan “é unha boa idea”, e solicitou que os investimentos igualen aos do ano pasado, que permitiron dar cobertura a moitas das demandas veciñais.

Por outra banda, o rexedor solicitou a colaboración da Deputación para a adquisición dun camión compactador de lixo, unha petición que o mandatario provincial comprometeuse a estudar.
Tras esta reunión, o presidente provincial e o rexedor de O Pino visitaron as obras de construción dunha senda peonil na DP-6601, dende o cruce coa N547 ata o lugar de Outeiro.

A DP-6601 é unha estrada de titularidade provincial cunha lonxitude de 3,7 quilómetros que une a N-547 e a N-634, polo que presenta un elevado volume de tráfico, o que fai necesario mellorar a seguridade dos viandantes nesta zona, que actualmente carece de beiravías.

O ancho deste novo arcén peonil será de 2 metros, construídos en baldosa de formigón vibrado con bordo, e contará con 22 puntos de luz.

Tamén se están a executar tres treitos de aparcamento de vehículos, así como os servizos de recollida de pluviais, saneamento, abastecemento de auga e alumeado e soterramento dos servizos de telefonía.

Estas obras continúan as actuacións xa rematadas na marxe esquerda da DP-6601, onde a Deputación financiou con 165.326 euros a construción doutra senda peonil de tres quilómetros de lonxitude.
O novo camiño contribúe a mellorar as comunicacións entre os lugares de Outeiro, Vento e Piñeiro, incrementando a seguridade dos veciños destas zonas. Nesta mesma liña, o proxecto financiado pola Deputación incluíu a instalación dun treito de varanda de madeira tratada en autoclave sobre un regato afluente do río Tambre, nas inmediacións do lugar de Piñeiro, para protexer aos viandantes dun pequeno terraplén.

280.000 euros para mellorar as estradas locais e 130.000 para novos accesos

O compromiso da Deputación coa mellora das estradas locais de O Pino tamén se materializou no investimento de 280.473 euros para a pavimentación e acondicionamento de máis de 10 quilómetros de viais de titularidade municipal.

A través do Plan de Obras e Servizos (POS), mellorouse a estrada da N-634 a Veirán, a de San Gregoria á Igrexa por Gonzar, a de San Gregorio a San Andrés e as pistas interiores de San Adrés, ea estrada que vai da N-634 a Vilar.

Asemade, a institución provincial financia tamén obras de pavimentación nas estradas locais que van da N-547 á Igrexa de San Breixo (Ferreiros), con 54.777 €; a estrada de Torreira a Budiño (40.095 €), a estrada de Santiso á área recreativa da Magadalena (40.972,78), a vía da Bugalleira a Rabal de Abaixo (65.777 €) e os camiños interiores de Cimadevila (San Mamede), cun investimento de 33.231,55 euros.

A estas actuacións súmase a creación de tres novos accesos peonís, financiados cunha achega de 130.452 euros a través do Plan de Acción Social (PAS). En concreto, estas obras comprenden a creación dun acceso peonil ao tanatorio da Arca, ao cemiterio e ao local social de Budiño.

Áreas de ocio e deporte ao aire libre

O presidente da Deputación tamén visitou o novo parque da praza de Forcarei, unha das infraestruturas financiadas en O Pino con cargo ao Plan de Acción Social (PAS).

Este plan, que se destina a proxectos financeiramente sostibles, cunha vida útil superior a cinco anos e cun carácter social relevante, permitiu a creación doutras dúas áreas de ocio e deporte ao aire libre, en Castrofeito e en Budiño, o cal supón unha inversión total de máis de 164.000 euros para dotar ao concello de O Pino deste tipo de infraestruturas.

Tanto o parque da praza de Forcarei coma as antigas zonas verdes de Castrofeito acondicionáronse para instalar xogos para os nenos. As obras incluíron a execución de pavimentos de seguridade de caucho, para a protección fronte a caídas, e a instalación de varios columpios, balancíns, carruseis e tobogáns. Así mesmo, pecháronse as parcelas con vallas de cores.

Doutra banda, o novo parque situado na parroquia de Budiño destínase especialmente ás persoas maiores, co obxectivo de fomentar a realización de actividades deportivas ao aire libre. Neste senso, ademais de acondicionar a explanación con zahorra e formigón armado, instaláronse equipos biosaludables. Entre estas máquinas atópanse barras para o exercicio de abdome e costas, un aparato de surf para traballar a cadeira, un andador, un flexor de brazos ou unha bicicleta de dobre función para tonificar tanto brazos coma pernas.
Outra obra financiada polo PAS no concello de O Pino, debido ao seu carácter social relevante, consiste no acondicionamento exterior do local sociocultural en Santiso, na parroquia de Castrofeito.
A Deputación destina 87.970 euros a estas reformas, que inclúen a creación dun acceso para vehículos e unha rampla de formigón na fachada noroeste, que faciliten a entrada ao recinto a persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, mellorarase a eficiencia enerxética do inmoble revestindo as ventás con aceiro e humanizarase á parcela coa creación dun parque infantil, a plantación de diferentes árbores e a instalación de luminarias LED.

23 de febreiro de 2017 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.