publicidade hoxe

O luns comezarán a funcionar as dúas liñas do bus urbano reestructuradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de mobilidade, Kely Monzón, anunciaron hoxe que o vindeiro luns comezarán a operar as novas rutas do bus urbano de Mos, resultantes da reestructuración das rutas azul e verde que empezaron a funcionar o pasado mes de outubro e que agora se verán melloradas optimizando tempos.

Estas optimizacións foron foito da elaboración de informes técnicos periódicos e peticións e suxerencias dos usuarios.

A reestructuración das dúas liñas do bus urbano de Mos entrará en vigor o luns 16 de xaneiro, integrado xa o transporte municipal no Transporte Metropolitano, tras ser aprobada dita inclusión e o convenio pertinente no Pleno Ordinario da Corporación Municipal do pasado mes de decembro.

A edil responsable do departamento municipal de mobilidade, Kely Monzón, informou, así mesmo, de que a empresa concesionaria do servizo de transporte municipal xa ten instaladas nos buses urbanos as máquinas canceladoras para a Tarxeta Metropolitana, que entrarán en servizo cando o Concello de Mos reciba a resolución da Xunta de Galicia; momento ata o cal o bus urbano de Mos seguirá a ser gratuíto par tódolos usuarios e usuarias.

Por outra banda as representantes municipais, Arévalo e Monzón, lembraron que xa no Pleno do pasado mes de novembro aprobouse a gratuidade do autobús para os mozos/as menores de 19 anos.

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, comentou que “dende o Concello esperamos que esta reestructuración das liñas do bus urbano mellore o servizo de transporte en aras de incrementar a satisfacción e a calidade de vida dos veciños e veciñas mosenses”, comentou.

As representantes municipais destacaron os bos resultados rexistrados na liña azul do bus urbano do Concello de Mos, que alcanza unha media de 50 usuarios diarios.

Os cambios proxectados para a liña verde en aras de mellorar o índice de uso da mesma, e consistentes en acortar e reducir o tempo para aumentar a afluencia de usuarios, (xa que se detectou que non era operativa xa que duraba máis dunha hora), entrarán en vigor en xaneiro xunto co convenio entre Xunta e Concello para integrar o bus urbano no Transporte Metropolitano.

O principal erro detectado na liña verde é, como se dixo, o tempo de percorrido, que motiva a pouca demanda da devandita liña.

Os estudios técnicos e a comisión de seguemento para mellorar o servizo de bus urbano emiten cada mes un novo informe de uso das distintas liñas, incluso das paradas máis utilizadas; e en maio de 2017 farase unha posta en común e unha valoración fundamentada no uso do servizo para plantexar entón a posibilidade de que o bus urbano de Mos chegue a puntos que agora mesmo non están incluídos como Amieirolongo, a zona comercial de Sanguiñeda, así como tamén unha posible ampliación de horarios.

Melloras no servizo

As melloras no recentemente estreado bus urbano de Mos (que empezou a funcionar o pasado 24 de outubro) que, xunto co de Vigo, é o único da Área Metropolitana, e que entrarán en vigor o luns son fundamentalmente tres:

– Unha moi importante incorporación do bus urbano na liña azul é que recolle á xente das parroquias mosenses de Tameiga, Guizán, Torroso, Dornelas, Mos e Louredo e as deixa en Peinador para que poidan coller o Vitrasa a Vigo, así como tamén recolle aos universitarios para deixalos en Puxeiros e que poidan coller a lanzadeira que os leva á zona do CUVI (que conta cunha expedición de ida en horario de mañá e dúas de volta: unha pola mañá e outra pola tarde). Aspectos estes que antes xa se contemplaban pero tan só na liña verde e agora faise nas dúas: verde e azul.

– No caso da liña verde redúcese o tempo do traxecto de 1 hora 15 minutos a 55 minutos. Para acortar tempos o que se fixo foi trasladar parte da ruta á estrada PO-331 que vai de Porriño a Gondomar. Antes a liña introducíase polo interior das parroquias de Cela e Pereiras e agora evita esas voltas transcurrindo pola estrada Porriño-Gondomar.

– E por último, por unha razón de operatividade, hai dúas paradas na parroquia de Petelos que antes estaban na liña verde e que agora pasan á azul que son: Camiño das Barxas (Capela de San Amaro) e Camiño das Barxas (Porteliña).

13 de xaneiro de 2017 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.