publicidade hoxe

O Hospital do Salnés reitera a garantía asistencial e o reforzo de persoal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Hospital do Salnés reitera a súa garantía asistencial e a súa axeitada cobertura sanitaria nesta época do inverno, na que habitualmente se incrementan as atencións de patoloxías respiratorias e a reagudización dos procesos crónicos. Tal e como se sinalou onte cos datos de actividade urxente, durante a xornada de hoxe tampouco se están a producir incrementos na atención das Urxencias.

Os procesos asistenciais estánse a xestionar correcta e gradualmente, aplicando protocolos de atención en función da prioridade dos pacientes e adecuando e reforzando os recursos humanos e materiais ás necesidades de cada momento. Neste sentido, a comisión prevista no plan de continxencia -con membros da Dirección e  responsables dos servizos de Urxencias, Medicina Interna e Medicina Preventiva- mantén no Hospital dúas xuntanzas técnicas diarias de seguemento e avaliación da situación.

Reforzos en diversas quendas

Coma exemplo, dispuxéronse no Hospital do Salnés reforzos de Enfermaría nas quendas de mañá, tarde e noite na Hospitalización, reforzos de Técnicos en Coidados Auxiliares en Enfermaría (TCAE) nas quendas de mañá, tarde e noite, reforzos de celadores, así coma reforzo médico en Urxencias e na unidade de Medicina Interna. Cómpre sinalar que se continuarán a reforzar os cadros de persoal naquelas áreas con necesidade asistencial.

Disponibilidade de camas e axeitada operatividade

Así mesmo, o Hospital do Salnés dispón hoxe dun total de 35 camas libres -máis dunha cuarta parte da súa dotación- cifra que corrobora a axeitada operatividade asistencial do centro sanitario. Neste sentido, o Hospital reitera que non tivo que replantexar a suá programación cirurxica diaria por mor dos repuntes asistenciais desta época.

No que atinxe á Atención Primaria da comarca, nas últimas datas se percibe unha estabilización de asistencias nos Puntos de Atención Continuada, cunha frecuentación de pacientes máis regular. Así mesmo, cómpre reiterar que todos os efectivos médicos dispoñibles nas listas de contratación están prestando servizo nestes intres.

En función de como evolucione a situacion, a EOXI de Pontevedra e O Salnés adoptará novas medidas organizativas e asistenciais no marco da comisión prevista no plan de continxencia. 

17 de xaneiro de 2017 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.