publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de Muros recibirá 753.000 euros do Plan Único da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMuros
A-
A+

O Concello de Muros recibirá este ano 753.390,29 euros a través do Plan Único- POS+ 2017 da Deputación da Coruña, segundo destacou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita institucional que esta mañá realizou ao municipio para “coñecer as súas necesidades e demandas”.

González Formoso destacou que a distribución dos fondos do novo plan provincial entre os 93 concellos da provincia realizase con “criterios obxectivos” e que suporá para os concellos “máis cartos, máis axilidade na tramitación e máis transparencia” no reparto de fondos públicos, ao unificar nunha soa convocatoria anual varios plans anteriores, como o POS e o PAI, e 11 liñas de subvencións aos municipios, o que “permitirá reducir a tramitación duns 1.000 expedientes anuais”. “A sociedade actual demanda unha maior eficiencia á administración e o Plan Único é un gran avance nese sentido”, apuntou o presidente da Deputación.

Ademáis o POS+ ofrece unha maior autonomía aos concellos á hora de decidir en qué investir os fondos que lles transfire a Deputación e supón “un financiamento estable e previsible, que permite que os concellos podan coñecer con antelación os fondos provinciais dos que disporán e planificar mellor a elaboración dos seus propios orzamentos”, apuntou o presidente da Deputación.

Outro dos obxectivos fundamentais do novo plan provincial é o saneamento das economías municipais nun prazo de dous anos, polo que o POS+ incorpora mecanismos para reducir os tempos de pago a provedores dos concellos coruñeses e amortizar a débeda dos municipios cos bancos.
Valentín González Formoso fixo estas declaracións ao remate da visita que esta mañá realizou ao municipio de Muros, onde foi recibido pola alcaldesa, María Xosé Alfonso, e polos portavoces dos distintos grupos políticos representados na corporación municipal.

A alcaldesa agradeceu a visita do presidente e destacou a “colaboración” da Deputación para facer posibles varios proxectos no municipio e a súa “disposición para escoitar as nosas demandas e necesidades”.

O emprego, principal obxectivo

Pola súa banda, Valentín González anunciou que a institución que preside manterá en 2017 a súa aposta polo emprego “como primeiro obxectivo”. Neste sentido, apuntou que o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación incrementou de 11.400 euros a 40.000 € os fondos que o concello de Muros viña recibindo para a creación de emprego, o que permitiu a contratación de 9 persoas durante 2016.

Segundo os datos facilitados polo titular da Deputación, o PEL permitiu a contratación de 519 persoas nos 93 concellos coruñeses durante o pasado ano, cun orzamento global de 7 millóns de euros, que este ano espera incrementar ata os 9 millóns.

Formoso repasou tamén algúns dos investimentos realizados pola Deputación que contribúen a mellorar a calidade dos veciños de Muros, como a mellora das infraestruturas hidráulicas realizadas en Boavista, Baños, Freixeiro e Tal ou as obras de pavimentación de camiños en Creo, Convento e Lestón de Arriba, que supuxeron un investimento de máis de 600.000 euros a través dos programas POS e PAS.

Visita ao Pozo do Cachón

Valentín González Formoso e María Xosé Alfonso visitaron tamén o muíño de marea do Pozo do Cachón, que a alcaldesa definiu como “un importante recurso turístico para Muros”.

Unha guía especializada explicou ao presidente a historia e o funcionamento do muiño, que contou con fondos provinciais para a súa recuperación e musealización e cuxo calendario anual de actividades segue contando co apoio económico da Deputación, cunha achega de 20.000 euros o pasado ano.

González Formoso interesouse polo funcionamento do muíño e polo número de visitantes que cada ano pasan por estas instalacións, entre os que destacan as numerosas excursións de escolares, e propuxo estudar a posibilidade de que o amplo espazo expositivo que alberga no seu interior poda acoller no futuro a exposición “Xigantes”, sobre a historia da construción naval na provincia da Coruña, que a Deputación levará de forma itinerante a varios concellos da provincia en colaboración coa Fundación Exponav do Museo da Construción Naval de Ferrol, a principal referencia museística do seu ámbito en España.

Melloras na estrada de Abelleira a Paxareiras

A alcaldesa e o presidente visitaron tamén a estrada provincial DP 5304 de Abelleira a Paxareiras por Torea, na que a Deputación da Coruña está a realizar obras de mellora por importe de 408.560, 99 euros.

Os técnicos provinciais do departamento de Vías e Obras supervisaron a cuneta de formigón xa construída na marxe esquerda da calzada, que será rectificada para un acabado máis uniforme.

Unha vez completados eses traballos, dotarase aos primeiros oito quilómetros da estrada dun novo asfaltado con mistura bituminosa en quente que mellorará as condicións de circulación e procederase ao pintado do vial e á reposición da sinalización horizontal e vertical e de novas barreiras metálicas de seguridade en varios tramos do vial.

12 de xaneiro de 2017 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.