publicidade hoxe

Música, teatro e cine na programación para esta semana do Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Esta semana o Teatro Colón presenta un programa no que conviven música, teatro e cine, dando así cabida a un proxecto completo. O xoves 19 de xaneiro, ás 21:00 horas, volven o Xoves de Música, unha aposta do Teatro Colón polos novos talentos musicais que conta co patrocinio de SuperBock e Gadis. Desta volta os artistas que encherán de ritmo a platea do teatro serán Jesús Suárez -o responsable do proxecto Mar de Fondo-, e Prexton. (Entradas dende 10€)

No caso de Prextoné un mozo guitarrista e cantautor que vive a cabalo entre Cáceres e Galicia. Despois de pasar por bandas de diferentes estilos como o folk, o hip-hop ou o ska, en 2013 decide emprender a súa carreira en solitario con total liberdade creativa. Esta nova etapa, orientada ao pop-folk de autor, gaña a Batalla de Bandas da Universidade de Salamanca, obtén o segundo premio no Santiautor 2015 e proclámase Finalista do MúsicaXove 2015.

En febreiro de 2016, Prexton ficha polo selo independente Moucho Records. En setembro do mesmo ano lanza o que será o primeiro single e videoclip “All Together”, soando en programas como Los40 Trending ou La Script (Cadena Ser). Actualmente atópase presentando en directo pola xeografía española o seu primeiro disco, 42, producido por Iago Blanco en Drum&Roll Studios.

Pola súa banda Mar de fondo é o primeiro proxecto do galego Jesús Suárez. A pesar de que el é quen leva a voz cantante – literalmente-, conta co apoio dunha banda en directo formada por Miguel Thomas (guitarra), Iago Blanco (batería, percusión e coros), Daniel G. Artes (teclados), Alex Rapitis (baixo) e Iván Mosquera (guitarra).

Influenciados por bandas tan coñecidas do panorama nacional como Barricada, Marea, Héroes del Silencio ou Extremoduro, intentan impregnar de aire fresco o panorama do rock nacional con historias cotiás e do noso día a día, que seguramente nalgún momento nos acompañaron na nosa viaxe vital.

Excelentes arranxos e bases musicais, así como unhas poderosas guitarras e a voz desgarradora de Jesús non te deixarán indiferente intentando mimetizar a forza dos océanos coa enerxía do rock.

O venres 20 de xaneiro, ás 20:30 horas, será a quenda do Teatro del Andamio con “O Ferro”. Un matrimonio que leva 15 anos xuntos. Luís é administrativo, Rosa é ama de casa. Nada especial. Pero hoxe estas dúas vidas cambiarán para sempre, e todo dará un xiro inesperado. Mentres Rosa pasa tranquila o ferro a un pantalón… ela aínda non o sabe … pero xa nada será igual. Esta é unha historia que fala de ti… de min… de todos nós. (Entradas dende 5€) 

E o sábado 21 de xaneiro, dobre sesión de Sing Along. Ás 18:00, “Sonrisas y Lágrimas”, e ás 22:00 “Dirty Dancing”. Unha oportunidade perfecta para desfrutar de dous clásicos musicais nun formato único, e coa posibilidade de acudir aos dous eventos por un prezo especial de entrada combinada. (Entradas dende 10€)

17 de xaneiro de 2017 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.