publicidade hoxe

Convócase o V Certame de Relato Curto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as e crear un espazo común e familiar para a creación literaria. Son os obxectivos que hai detrás da convocatoria do V Certame de Relato Curto que promove a FANPA-Pontevedra e no que colabora o Concello, a Deputación e a editorial Kalandraka. O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, lembrou que o Concello participa no certame dende o primeiro día e subliñou o carácter familiar do certame.

UN RELATO CURTO narra unha historia ficticia nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes, con descricións breves e escasas divagacións. Mostra o que ocorre e ensina a historia a través da acción estruturada en tres partes (introdución, nó e desenlace) deixando ao lector que deduza parte dos feitos e que se atope cun final inesperado.

O prazo para a entrega de relatos rematará o próximo 28 de febreiro. Poden presentarse os alumnos e alumnas dos centros educativos públicos da provincia. Hai catro categorías: Primaria, Secundaria, Bacherelato/Formación Profesional e Adultos. Haberá 120 finalistas e este ano como novidade, subliñou o presidente da FANPA, inclúese o premio dun obradoiro literario para os autores/as dos 20 mellores relatos.

BASES DO CERTAME DE RELATO CURTO

1º Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega. Cando se promovan dende os colexios e institutos, serán descartados os grupos de relatos de temática semellante.

2º Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán presentarse as persoas adultas (familiares ou profesorado). 

3º Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300. Estará escrito en Times New Roman, de tamaño 12 pt. e interliñado de 1,5 liñas.

4º Os relatos enviaranse en arquivos en formato .doc, .docx ou .odt ao enderezo de correo electrónico certame.relatocurto@nontedurmas.org

5º Enviaranse dous arquivos no mesmo correo:

  • 1. Denominado DATOS (este arquivo é para a organización) no que figurará o relato completo e os seguintes datos do/a participante: o pseudónimo utilizado, o nome e apelidos do autor/a, o curso do alumno/a, o centro escolar onde estuda o alumno/a, o correo electrónico persoal, o teléfono persoal, o relato.
  • 2. Denominado RELATO (este arquivo é para o xurado) no que figurará: o título do relato, o relato, o pseudónimo utilizado, a categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional ou adultos).

6º O prazo de envío dos textos finalizará o 28 de febreiro de 2017.

7º O xurado, formado por filólogos, escritores e/ou profesores e representantes de Kalandraka Editora, seleccionará os relatos finalistas de entre todos os presentados e designará entre eles catro relatos gañadores, un por cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato e adultos). A deliberación do xurado darase a coñecer no mes de maio de 2017. Os relatos gañadores nomearanse no acto de entrega de premios.

8º Os premios serán os seguintes:

  • Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas.
  • Para os autores e autoras dos cinco mellores textos de cada categoría: un obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
  • Para todas as persoas gañadoras e finalistas do certame (máximo 120): un libro colectivo cos seus relatos e co relato feito expresamente para o certame por un escritor profesional Xabier P. Docampo.
  • Tanto os relatos gañadores coma os finalistas publicaranse no Diario de Pontevedra. 9º A obra será propiedade da entidade organizadora, polo que os autores e autoras aceptan ceder todos os seus dereitos e a corrección gramatical e léxica para a súa publicación. 10º Os premios poderán quedar desertos se non se alcanza unha calidade mínima, incluída a publicación do libro colectivo. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables en todos os casos.

11º A participación no certame implica a aceptación das bases e a súa interpretación é responsabilidade da organización do certame.

12º Os datos persoais incluídos neste certame só serán coñecidos pola organización do concurso, quen garante o anonimato dos autores e autoras dos relatos durante todo o proceso de selección e deliberación do xurado e serán obxecto de tratamento automatizado no ficheiro da Federación cuxa finalidade é a xestión e control dos premios concedidos polo xurado. Os seus datos persoais non serán comunicados ou cedidos a terceiros. O interesado ou interesada poderá revogar o seu consentimento así como exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo de correo: certame.relatocurto@nontedurmas.org

19 de xaneiro de 2017 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.