publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Carmela Silva destaca a necesidade dun compromiso global coa igualdade na intervención poética de “Violencia Zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou hoxe en Cambados que un compromiso global coa igualdade “favorece a toda a sociedade”, polo que animou a “loitar por un mundo onde todas e todos sexamos iguais”. Silva realizou estas declaracións previamente á intervención poética da escritora Yolanda Castaño na Casa do Concello, enmarcada no proxecto “Violencia Zero”, a segunda edición desta mostra itinerante que está a percorrer 25 concellos da provincia ata o outono de 2017 e que quere, a través da cultura, contribuír á loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres.

Carmela Silva estivo acompañada pola deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, que compartiron este evento reivindicativo con arredor dun cento rapazas e rapaces e mestras e mestres de dous institutos do municipio, o “Asorey” e o “Ramón Cabanillas”.

Para a presidenta da Deputación, resulta “intolerable o uso da imaxe das mulleres” que se fai en certos tipos de publicidade, e criticou que por realizar os mesmos traballos que os homes, as mulleres reciban de media “un 24% menos de salario”, ou que “as pensións das mulleres son de media un 35% menores que as dos homes”. Lembrou así mesmo que no ano 2016 foron 52 “as mulleres asasinadas” vítimas da violencia machista e animou a participar en actos coma o de onte para “concienciar a cidadanía”.

A intervención poética “Un alpendre cheo de significados sospeitosos”, da escritora Yolanda Castaño, buscou transcender as palabras para levalas á voz e á acción, e complementouse cunha proxección audiovisual. Tal como sinalou a autora, un dos rostros máis coñecidos da poesía galega, “os estereotipos de xénero conforman a base da violencia contra a muller” e animou a loitar contra eses estereotipos sendo conscientes de que “todos e todas proxectamos unha imaxe” e que “o noso aspecto persoal conta, cala e mente sobre nós”.

“Mulleres en acción: violencia zero” é un proxecto de acción artística contemporánea no espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco no estado actual da problemática da violencia machista no noso país. Este ano, o proxecto quixo ir máis aló da primeira edición, na que se celebraron o 25 de novembro dez performances, organizando accións en 25 concellos da provincia de Pontevedra entre os meses de novembro de 2016 e novembro de 2017, para darlle máis visibilidade á lacra da violencia machista. As accións, a razón de dúas por mes, estanse a desenvolver nos concellos de Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Ponteareas, Cambados, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.

26 de xaneiro de 2017 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.