publicidade hoxe

As reivindicacións da Policía Local de Vilagarcía serán analizadas como as dos demais traballadores municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

As reivindicacións laborais dos axentes da Policía Local serán analizadas do mesmo xeito que as dos demais traballadores municipais, é dicir, tendo en conta os distintos informes técnicos sobre a súa viabilidade e dentro dos órganos constituídos a tales efectos, é dicir, a denominada “mesa de negociación”, na que participan, ademais do propio goberno municipal, a xunta de persoal e o comité de empresa, que, cabe recordar, son os representantes dos traballadores. En consecuencia, e a xuízo do goberno local, as asembleas sectoriais non teñen sentido. Non parece que sexa o mellor xeito de abordar un asunto tan complexo e con tantas variables facendo asembleas de policías por unha banda, de operarios de Obras por outra, e así sucesivamente cos distintos departamentos e servizos.

O goberno que dirixe Alberto Varela entende que do mesmo xeito que son lexítimas as aspiracións dos traballadores en canto a súa promoción interna e de subida de salarios, tamén as administracións teñen a lexitimidade, e a obriga, de optimizar e facer un uso razoable dos recursos dos que dispoñen; recursos que, en todo caso, proceden do esforzo impositivo de todos os cidadáns, a quen os políticos pero tamén os traballadores municipais se deben. E, neste sentido, o alcalde volve a reiterar que esas reivindicacións non poden ser trasladadas á cidadanía en forma de diminución do servizo que se presta.

O executivo local aposta, polo tanto, por abordar a situación laboral de todo o cadro de persoal dende unha perspectiva global, non sectorial. E do mesmo xeito que xa convocou varias prazas para cubrir as baixas no corpo policial, tamén ten practicamente lista a licitación da RPT, cuxos traballos comezarán este mesmo ano. Con independencia disto, o goberno xa encargou á xefatura da Policía Local un informe sobre o que, ao seu parecer, debe ser o cadro de persoal ideal de axentes para unha cidade como Vilagarcía.

9 de xaneiro de 2017 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.