publicidade hoxe

A innovación dixital e a formación no sector primario tomarán protagonismo en Cimag-GandAgro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2017, a cal se celebrará do 26 ao 28 de xaneiro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará nesta edición cun maior protagonismo da innovación no sector primario, tamén da centrada na dixitalización do mesmo.

Así, aos concursos Abanca GandAgro Innova e Máquinas Destacadas, os cales premiarán as innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural, súmase o primeiro día unha xornada de traballo centrada na estratexia e prioridades na dixitalización  do sector agroalimentario galego, a cal conta coa organización do Polo de Innovación Dixital no Sector Agroalimentario de Galicia.

Constará de tres talleres nos que participará persoal de Gradiant e o Campus Terra, e que xirarán en torno ao rol esperado das tecnoloxías dixitais no desenvolvemento do futuro do sector agroalimentario de Galicia, nas necesidades do sector agropecuario e a industria alimentaria galegos e nas principais barreiras e dificultades percibidas polo sector para a súa implementación. A eles sumarase unha sesión sobre a plataforma de especialización intelixente S3 Agri-food. 

Implicación do ámbito formativo 

A importancia da formación para o futuro do sector agropecuario levou nesta edición a Abanca Cimag-GandAgro a buscar unha maior implicación deste ámbito na feira en colaboración coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, a cal forma parte do seu comité organizador.  O resultado será un programa de visitas de distintos centros de formación profesional ao certame durante os dous primeiros días, as cales terán un carácter formativo para que tanto os futuros profesionais do agro como os seus profesores podan coñecer de primeira man as novidades e perspectivas do sector. 

As visitas confirmadas, ás que se poden sumar outras, son as de 150 alumnos e docentes dos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá e de Sergude e tamén dos ciclos do CIFP Politécnico de Santiago relacionados co Transporte e Mantemento de Vehículos. 

Por outra banda, co obxectivo de que coñezan de preto distintos aspectos do sector, tamén visitarán a feira o xoves día 26 un total de 35 rapaces do Centro de Educación Infantil e Primaria de Castro Ribeiras de Lea (Lugo).

23 de xaneiro de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.