publicidade hoxe

A flota do Náutico de Vigo manda nas dúas divisións en liza tras a primeira xornada do clásico Trofeo Repsol para cruceiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+

O Trofeo Repsol, tradicional desafío para a vela pesada que organiza o Real Club Náutico de Vigo, comezou este sábado coa primeira das catro probas programadas até marzo na ría.

Con vinte unidades na auga representando a seis clubs da ría de Vigo e a dous lusos, o Náutico fixo pleno ao imporse en tempo compensado a Escola RCNV (Carlos Villar) en clase Cruceiro e Regata (uníronse ambas as clases nunha soa clasificación) e o Deep Blue (Vicente Cid) en Cruceiro-Regata.

Nun día espléndido, a flota iniciou esta serie con ventos de 6-7 nós de compoñente oeste e un percorrido até a baliza de Tofiño… que tivo que ser acurtado pola caída do vento. Con bocinazo de saída dado por Inés González, xefa de Mariña e pesca de Repsol para o sur de Galicia, os regatistas atopáronse cun Platú 25 que, consentido nos últimos meses polo persoal do Náutico, voa. En Cruceiro e Regata acababa primeiro en tempo real os “Aceites Abril” (irmáns Pérez Canle, RCN Vigo), con 2:21.44, seguido polo “Don Pedro” (Javier Santander, RCN Vigo), con 2:23.51 e o “Bosch Service Solutions” (Ramón Ojea, Marítimo de Canido), con 2:28.57 para cubrir 9,3 millas.

Foron eses tempos insuficientes ante a puxanza da “Escola RCNV”, que en real asinaba 2:33.56 e arroiaba en compensado ao meter máis de tres minutos (3.06) ao “puro sangue” “Bosch” (3.06), “Don Pedro” (3.12) e “Aceites Abril” (4:45). O “Vertiguiño” (Carlos Crespo, Vertigo Sailing Club) terminara cuarto en real pero foi descualificado, mentres que o “Droopy Uno” (Santiago Gómez, Liceo de Bouzas) penalizaba cun fóra de liña.

En Cruceiro-Regata, o “Deep Blue” (RCN Vigo) cruzaba a meta en 2:31.29 en dura pelexa co “Balea Dous” e tamén era primeiro en compensado. O barco de Vicente Cid, un Yatlant 24, quere seguir sumando títulos.

O vindeiro sábado, segunda xornada dun Trofeo Repsol que promete moita emoción e sorpresas vista a calidade da flota.   

23 de xaneiro de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.