publicidade hoxe

A Deputación inviste 38.000 euros en medidas de aforro enerxético en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Medio Ambiente (PMA), inviste 38.522 euros en medidas de aforro enerxético no concello de Boiro. En concreto, a institución provincial financia dous proxectos para a substitución dos sistemas de iluminación da Casa do Concello e do tramo norte da rúa Principal.

Os traballos na casa consistorial, na que se atopan tanto as dependencias do Concello coma o Mercado Municipal e un aparcadoiro de uso público, inclúen a instalación de 850 novas lámpadas de tecnoloxía LED que permitirán racionalizar o uso da enerxía, co consecuente aforro nas contas municipais.

O gasto medio nas facturas eléctricas destas instalacións estímase en 18.900 euros ao ano, e coas novas lámpadas espérase obter un aforro do 60%, pasando dun consumo estimado de 46,30 Kw/hora a 18,90 Kw/hora.

Outro dos beneficios da tecnoloxía LED é que non utiliza ningún tipo de substancias contaminantes, coma chumbo, mercurio ou cadmio, nin emite raios prexudiciais coma os UV e IR. Ademais, este tipo de luminarias teñen unha vida útil de 40.000 horas, fronte ás 8.500 horas das antigas lámpadas instaladas no concello de Boiro, o que tamén permitirá unha redución nos conceptos de reposición e mantemento do alumeado.

Nova iluminación LED na rúa Principal

Asemade, o Plan de Medio Ambiente financia outro proxecto de características similares para renovar o sistema de alumeado público do tramo norte da rúa Principal do casco urbano de Boiro. Nesta caso, o número de novas luminarias instaladas ascende a 45, tamén de tecnoloxía LED de alta eficiencia e con proteccións especiais contra curtocircuítos, sobretensións e quecemento excesivo

Estas medidas permitirán pasar de un consumo anual de 54.034 Kw/hora a tan só 8.388 kw/h, é dicir, un aforro de máis do 84%. Esta mellora, ademais dun aforro económico considerable, permitira a redución de 15,52 toneladas nas emisións de CO2 á atmosfera, contribuíndo á mellora da calidade ambiental no concello.

Auditoría enerxética en Mazaricos

Entre as accións de promoción da eficiencia enerxética na comarca do Barbanza, a Deputación tamén financia con 7.000 euros unha auditoría que solicitou o concello de Mazaricos, co obxectivo de determinar as necesidades e posibles melloras para a renovación do sistema de alumeado público, que actualmente se atopa obsoleto e ocasiona un elevado desembolso para as contas municipais.

O proxecto financiado pola Deputación consiste na análise e exame da documentación técnica referente a ditas instalacións, os proxectos de alumeado existentes no arquivo do Concello, as facturas de consumo eléctrico e outros documentos de interese, ademais de reunións con persoal de mantemento, de cara a obter toda a información posible sobre as instalacións.

A segunda fase da auditoría contempla a ubicación mediante GPS de cada punto luz dos aproximadamente 2.8000 repartidos nos 96 núcleos do concello, para establecer as coordenadas xeográficas, a parroquia e o lugar no que se sitúan e tomar fotografías para rexistrar información relevante coma o tipo de luminaria e de soporte ou a existencia de redutores de fluxo.

Todos os datos obtidos volcaranse nun Sistema de Información Xeográfica, que quedará a disposición do concello para a súa posterior consulta e utilización.

O resultado final deste proxecto será a redacción dunha auditoría enerxética adaptada ás necesidades particulares do concello, seguindo a s directrices do Protocolo do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía, que permitirá ofrecer un servizo público de calidade, cun custo sustentable e garantindo unha utilización eficiente dos recursos.

19 de xaneiro de 2017 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.