publicidade hoxe

A Deputación inviste 300.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética na iluminación pública de Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Acción Social (PAS), financia con preto de 300.000 euros dous proxectos para mellorar a eficiencia enerxética da iluminación pública nos barrios de Santa Icía e A Gándara, no concello de Narón.

Ambas accións contemplan a substitución, nun centenar de rúas, da totalidade das luminarias, de escasa ou nula eficiencia enerxética, por alumeado de tecnoloxía LED, en diferentes formatos segundo as necesidades específicas de cada rúa.

Na zona das Vivendas da Marina e a súa contorna, a achega da Deputación ascende a 185.000 euros, cos que se financia a renovación do alumeado público en 46 puntos dos barrios de Santa Icía e A Gándara, entre os que se atopan a avenida de Santa Icía, a rúa Fonte da Cruz, a praza da Constitución, o paseo do ferrocarril ou o apeadoiro do Feve.

Coa instalación das novas luminarias, estímase que se logrará un aforro económico de 18.638 euros anuais, o cal supón máis do 70% das facturas que asume na actualidade o concello de Narón. Así mesmo, reducirase o consumo de enerxía en 120.687 kWh.

Do mesmo modo, a Deputación destina 114.998 euros á eficiencia enerxética nas Vivendas do Bispo e as rúas Concepción Arenal e Bispo Argaia, todas elas situadas no barrio da Gándara. En total, actuarase en 39 rúas e outros espazos públicos, coma a praza da Gándara, o Camiño da Praia ou o parque da rúa Mañón.

Con estes dous proxectos, a Deputación pretende fomentar un uso máis racional da enerxía, co emprego de lámpadas de alto rendemento e coa introdución de elementos e medidas de aforro enerxético e de redución dos custos no mantemento do sistema.

Así mesmo, estas luminarias permitirán reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera e mellorar a seguridade do alumeado público, adaptándoo ás novas normativas.

24 de xaneiro de 2017 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.