publicidade hoxe

A comedia ‘Get Back’ estréase este venres no Teatro Rosalía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+
Presentación de "Get back"

Presentación de “Get back”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este xoves a estrea na cidade da obra teatral Get Back , que se representará mañá venres e pasado sábado, ás 20.30 horas no Teatro Rosalía, dentro da programación do Ciclo Principal. Trátase, como fixo notar o concelleiro, dunha comedia que trae Eme2 Produccións, dirixida por un “home de cine”, como é o director coruñés Jorge Coira, a partir dunha idea orixinal do crítico e creador Camilo Franco e con texto do escritor Diego Ameixeiras.

Na presentación, na que estaba presente o seu director, así como parte do reparto e o director do teatro Rosalía, Sande destacou o “necesario apoio á creación galega” e salientou a importancia de “todas as apostas do Ciclo Principal”, así como a variedade de textos e obras seleccionadas na súa programación para esta tempada. Pola súa banda, Coira salientou no acto o “fascinante” da que é a súa primeira experiencia como director de teatro, “pero non a última”.

Tal e como sinalaron as actrices Tamara Canosa e Mercedes Castro, a obra sitúa aos cinco personaxes atrapados nun vagón do metro londinense. “Fala de obrigarse a parar e mirar, nun mundo que vai a velocidade de metro”, indicou Canosa, que salientou que a produción chega á cidade despois de encher os teatros en Santiago e Vigo.

As entradas pódense adquirir no despacho de billetes da praza de Ourense, no propio teatro Rosalía (o día da función) ou na plataforma de Televenda (902 044 226) a prezos que van desde os 6,5 aos 14 euros, con descontos do 20% para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e posuidoras do Carné Xove.

26 de xaneiro de 2017 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.