publicidade hoxe

Susana López Abella destaca o labor dos concellos na difusión da igualdade como administracións máis cercanas aos cidadáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella puxo en valor o papel relevante dos concellos galegos na difusión do valor da Igualdade, pola súa proximidade aos cidadáns, así como da importancia da coordinación e colaboración entre a Administración autonómica e as Administracións locais.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na presentación do IV Plan de Igualdade 2016-2019, do concello de Palas de Rei, que foi elaborado polo Centro de Información á Muller (CIM) e aprobado por unanimidade no pleno do concello no mes de agosto. Ademais, a titular de Igualdade resaltou a importancia, o traballo e o esforzo de todas as persoas profesionais que traballan no CIM, que elaboraron este IV Plan dende o seu coñecemento e experiencia en materia de Igualdade e na loita diaria contra a violencia de xénero.

López Abella incidiu que dende a Secretaría Xeral da Igualdade preténdese pór en valor o papel relevante dos concellos na difusión do valor da igualdade e transmitir a coordinación e colaboración existente entre a Administración autonómica e as Administracións locais, coordinando os esforzos en aras dunha maior eficacia xa que os concellos son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por ser as administración máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas.

A Secretaría Xeral da Igualdade colabora co concello de Palas a través dunha orde anual de subvencións coa que se pretende apoiar e consolidar actuacións en materia de Igualdade, de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación, ademais de subvencionar o mantemento dos Centros de Información á Muller. Así, no caso deste concello, a Xunta dende o ano 2009, leva investidos máis de 432.000 euros.

O CIM de Palas conta na actualidade cunha directora, cun asesor xurídico e outro psicolóxico, ademais dun axente de Igualdade, e leva traballando dende fai máis de 11 anos. O ano pasado recibiron 679 consultas e atenderon a 180 persoas. Ademais, dende o ano 2013, o concello de Palas agrupouse cos concellos de Antas de Ulla, Guntín e Portomarín, para desenvolver programas conxuntos de actuación e de atención. Sendo un dos 162 concellos adheridos á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.

1 de decembro de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.