publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente acondiciona un tramo de dous quilómetros da ruta das Pontes do río Lérez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a acondicionar un treito de dous quilómetros da ruta das Pontes do río Lérez, ao seu paso polo Concello de Forcarei. O importe desta actuación, que está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) é de máis de 30.000 euros e estará rematada este mesmo mes.

O obxectivo é promover a interacción equilibrada entre o seu uso e a conservación dos seus valores naturais, en particular aqueles relacionados cos hábitats e especies de interese comunitario, co fin de mellorar o carácter de utilidade pública desta zona da Rede Natura 2000.

Na zona de actuación existe un sendeiro natural paralelo o río Lérez. Durante o seu percorrido, o sendeiro comunicase mediante camiños auxiliares cos distintos núcleos rurais que existen na zona. En diversos puntos deste percorrido existen pequenos regatos que verten as súas augas sobre o río Lérez, e que contan con pequenas pontes para cruzalos. As actuacións para a adecuación desta ruta teñen o inicio no punto quilométrico 6+927 e rematan no 8+191 e tamén comprenden a construción dun paso peonil á altura do quilómetro 12+960.

Os traballos consistirán no desbroce manual selectivo da vexetación e tamén se efectuarán podas sobre especies forestais, así como a construción dunha plataforma que permita o anchear o camiño e mellorar o seu trazado.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que esta é unha das rutas de sendeirismo máis bonitas da comunidade, ten un percorrido de case 14 quilómetros, dos cales a maioría discorre por sendas de pescadores e paralela ao leito do río Lérez. Nestes 14 quilómetros, pódense ver lugares cheos de historia, como o Mosteiro de Aciveiro, atravesar pontes e gozar das paraxes naturais que o Lérez vai esculpindo entre bosques centenarios.

7 de decembro de 2016 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.