publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta licitará as obras do terceiro tramo da autovía do Morrazo para que no verán estea en execución a totalidade das actuacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoañaPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras da autovía do Morrazo

Ethel Vázquez na visita ás obras da autovía do Morrazo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras da autovía do Morrazo, onde salientou que a Xunta licitará mañá o terceiro tramo, entre o enlace de Meira e o primeiro enlace de Cangas, coa fin de que no verán estea en execución a totalidade das actuacións.

Vázquez Mourelle, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, concretou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) e a Plataforma de Contratación da Xunta publicará mañá a contratación das obras deste treito de case 4 km por un importe de 18,2 millóns de euros.

O Executivo autonómico xa ten en obras os dous primeiros treitos da autovía, para o que foi preciso o corte de tráfico realizado nas últimas semanas ao longo dos 6 primeiros quilómetros, que permitiu intensificar o ritmo das obras e progresar no rebaixe dos desmontes, fundamentalmente nos do primeiro treito.

Na visita de hoxe supervisáronse un dos noiros do treito I, que foron obxecto de voaduras nas últimas semanas, e o viaduto da Moura, o segundo máis longo de todo o corredor, con máis de 400 metros, no que os piares xa están rematados e estase agora montando o carro lanzavigas, para poder executar o taboleiro.

A responsable de Infraestruturas tamén puido ver sobre o terreo o que se ten avanzado coas voaduras efectuadas ao longo destas oito semanas que estivo pechado ao tráfico o corredor, ata que se reabriu o día 21. Vázquez destacou que durante este tempo os operarios estiveron traballando arreo, incluso as fins de semana e os festivos da ponte de decembro, para axilizar ao máximo a execución. Ademais, agradeceu a todas as persoas que están a traballar na autovía a dedicación e o esforzo que están a realizar co obxectivo de poder concentrar os traballos de maior entidade no menor tempo posible.

A Xunta, atendendo ás recomendacións feitas pola DXT, acordou que o corredor se reabriría ao tráfico no Nadal, entre os días 21 de decembro e 8 de xaneiro, ambos incluídos, para non interferir na operación saída e retorno. Esta infraestrutura volverá pecharse o próximo día 9 de xaneiro para continuar coas principais voaduras que hai que realizar nestes primeiros quilómetros.

Ethel Vázquez subliñou que esta infraestrutura conta cun investimento global de 55 millóns de euros, contando coa maior dotación orzamentaria en 2017, con 22 millóns reservados. Fixo fincapé en que a Xunta considera esta actuación esencial e prioritaria para o reforzo da seguridade viaria e a mellora da mobilidade dos veciños do Morrazo.

Aposta polo transporte público

Por outra parte, a conselleira manifestou que o seu departamento é consciente de que o peche causa certas incomodidades e alteracións na mobilidade de usuarios e veciños do Morrazo, polo que agradeceulles a todos os cidadáns a súa comprensión e convidounos a apostar polo transporte público nos seus desprazamentos.

O emprego do transporte público experimentou un incremento do 20 % en Cangas e Moaña no mes de novembro, no que se rexistraron preto de 900 viaxes máis ao día respecto ao mesmo período do ano anterior.

No que se refire ao Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, a responsable de Infraestruturas subliñou que a Xunta segue agardando a que o Concello cumpra cos compromisos que adquiriu co Goberno galego e cos 13 concellos da área metropolitana e integre o autobús urbano no Plan. Precisou que a día de hoxe non ten remitido aínda á Xunta as máquinas canceladoras homologadas para que a tarxeta de transporte metropolitano funcione nos autobuses urbanos.

29 de decembro de 2016 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.