publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís analizou as demandas dos municipios cos alcaldes de Ponte Caldelas, Caldas e Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisCambadosPonte Caldelas
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos de Ponte Caldelas, Caldas de Reis e Cambados onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar o pasado luns 21 posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

En primeiro lugar, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, agradeceu ao delegado territorial que visitara o concello para “dialogar sobre as necesidades do mesmo e para manter unhas relacións institucionais cordiais e fluídas entre administracións”, e matizou que están “preocupados pola falta de investimento neste concello dende a Xunta de Galicia”.

Neste senso, Cores Tourís recordoulle que na última lexislatura do Goberno autonómico investíronse en Ponte Caldelas máis de 11 millóns de euros en distintos eidos, “dos cales 5 corresponden aos dous últimos anos, é dicir, ao tempo que leva a actual corporación. Estamos seguros que se trata de cifras moi superiores ao que reciben concellos próximos de similares características poboacionais”.

Entre os temas que analizaron esta mañá durante a reunión se atopou a execución da mellora da PO-234, recordando o delegado territorial que a Xunta de Galicia non pode levar a cabo a ampliación desta estrada se o concellos non aporta os terreos necesarios. “O rexedor de Cotobade trasladoume fai dous días que xa conta con tódolos terreos solicitados. Agora debe facer o mesmo o concello de Ponte Caldelas. Non se trata de que de palabra os veciños lle digan que sí poñen os terreos, senón de que exista un compromiso firme que debe presentarse por escrito ante a administración autonómica”, explicou José Manuel Cores Tourís, quen avanzou a Díaz que nos próximos días a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reunirase cos dous alcaldes para analizar a situación deste proxecto e as necesidades do mesmo.

A execución de asfaltados e saneamentos, a axilización da aprobación do PXOM que está a piques de remitirse á Xunta e a inclusión de varias sendas do municipio no Plan de Sendas da Consellería de Infraestruturas, especialmente a da estrada de Ínsua a Silvoso, foron outros dos temas que expuxo o alcalde ao delegado territorial.

No eido educativo, o alcalde solicitou que se teña en conta a posta en marcha dun comedor e dun novo ximnasio para o CEIP da Reigosa e de que se teña en conta a execución dunha nova caldeira para o CEIP Cordo Boullosa. En relación á Reigosa, Cores Tourís trasladoulle que precisamente hoxe se atopan no centro educativo os responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial para avaliar os espazos de cara a buscar a mellor ubicación para o comedor. “Trátase dunha obra que terá que ser financiada en colaboración co concello. Estamos a facer melloras en todolos centros da provincia, e en todas partes os concellos colaboran economicamente na execución dos mesmos. Así o fixeron tamén municipios limítrofes con Ponte Caldelas como foron A Lama e Cotobade”, engadiu o delegado territorial.

Precisamente, Cores Tourís, tamén avanzou ao alcalde da localidade que o punto limpo poderá comezar a funcionar a comezos do próximo ano, toda vez que tan só falta o trámite do visto bo da Inspección da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, algo que estará listo nas próximas semanas.

Caldas de Reis

Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou como prioritario a limpeza da cunca do río Bermaña de cara a evitar enchentes coa chegada do inverno”. José Manuel Cores Tourís asegurou que dará traslado desta demanda a Augas de Galicia de cara a minimizar os posibles danos causados por futuros temporais.

Por outra banda, o alcalde tamén analizou co responsable territorial o avance na busca dos terreos máis axeitados para a execución dun novo centro de saúde no municipio. Rey insistiu en que, en colaboración coa Consellería de Sanidade, estanse a concretar as parcelas máis axeitadas.

Ademais, tamén solicitou a colaboración do delegado territorial para conseguir unha entrevista coa conselleira de Medio Ambiente para trasladarlle necesidades do municipio relativas a saneamento, e co conselleiro de Educación, de cara a estudar os problemas que presentan os centros educativos do concello. Neste senso, Cores Tourís comprometeuse a que a Xefatura Territorial de Educación envíe nas próximas semanas aos resposnables da Unidade Técnica para que avalíen esas necesidades.

Cambados

A rexedora de Cambados, Fátima Abal, analizou con Cores Tourís a situación das obras de mellora da praza de abastos, que se atopan pendentes do Plan Especial de Portos. Dende o concello aseguraron que agardan a que este plan estea a piques de rematarse, razón pola que José Manuel Cores Tourís se comprometeu a consultar o asunto co presidente do ente portuario.

Por outra banda, os representantes municipais de Cambados tamén trasladaron ao delegado territorial o seu interese pola apertura do Centro de Día. En relación a este asunto, Cores Tourís explicou que a posta en marcha dos orzamentos da Xunta para o ano que ven permitirá que o Consorcio de Servizos Sociais licite a dotación de equipamento para este edificio, na que terá que facer unha aportación económica tamén o concello.

Finalmente, os concelleiros tamén se interesaron pola posibilidade de que a Xunta execute unha senda peonil entre Cambados e Vilanova pola Costa así como polo avance da concentración parcelaria de Oubiña. O delegado territorial insistiu en que se sigue a traballar sobre ela e que nestes intres o plan de camiños rurais xa se atopa rematados.

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita para felicitar ao concello de Cambados polo nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño, e en especial, a labor de José Ramón Abal, concelleiro encargado deste ámbito, quen está a traballar na posta en marcha dunha comisión de seguimento para o desenvolvemento das diferentes actividades que, a partir do mes de marzo, comezarán a realizarse con motivo desta distinción, e que estaría integrada por entidades como o Consello Regulador e o Capítulo Serenísimo e institucións como o concello, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.

25 de novembro de 2016 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.