publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A campaña de consumo de froita nos colexios incluirá a castaña como froito subvencionable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTouro
A-
A+
Ángel Vázquez na visita ao CPI Fonte Díaz

Ángel Vázquez na visita ao CPI Fonte Díaz

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, visitaron hoxe o Centro Público Integrado (CPI) Fonte Díaz, en Touro, con motivo do inicio da campaña de consumo de froitas frescas na escola. Este ano, coma novidade, na lista de produtos subvencionables que poden elixir os colexios está a castaña, a petición da Xunta de Galicia.

Esta era unha petición histórica por parte da comunidade ao Goberno central, que este ano aceptou incluír no real decreto sobre a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite a castaña como produto elixible para o programa español.

Ángeles Vázquez valorou esta boa nova porque “ademais de contribuír a unha alimentación equilibrada, apoiamos tamén unha industria en auxe na nosa comunidade coma o dos castiñeiros de froito”. O mesmo sucede co plan de leite e produtos lácteos que tamén se leva ás escolas. “En paralelo ao obxectivo de crear hábitos saudables, colaboramos coa estabilización dos mercados destes produtos en Galicia”, sinalou a responsable autonómica.

Onte comezaba esta campaña educativa nun centro do concello de Touro. Alí, en torno a 100 nenos participaron nas actividades organizadas para a ocasión como unha zona de debuxo e plastilina na que se explicou aos pequenos a pirámide dos alimentos e decidían a composición dos seus batidos, a área de cociña para preparalos eles mesmos e un photocall final onde fotografiarse con mensaxes sas.

A través desta iniciativa a Consellería do Medio Rural, en colaboración coa de Sanidade e a de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, pretende educar aos máis pequenos na importancia dunha alimentación equilibrada.

Balance

Galicia participou neste plan dende a súa creación en 2009 a través dunha resolución de axudas para cada curso escolar. Cada ano, os centros interesados increméntanse dende os 123 de 2009 ata os 340 da última campaña. Neste curso 2016/2017 está previsto superar os 400 centros educativos (a falta de pechar todas as solicitudes) cos que se chegaría a máis de 88.000 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, xa que inclúe as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria.

A orde de axudas para executar esta campaña de 2016/2017 contou cun orzamento de 317.200 euros. O 75% do orzamento procede do Fondo Agrícola de Garantía (Feaga) e o 25% restante é abonado pola Xunta de Galicia. O importe máximo de axuda para cada centro é de 0,25 euros por alumnos e día lectivo, ata un máximo de 20 días.

A axuda concédese a todas as froitas frescas con excepción do tomate, da lima e do limón, que están incluídas na definición do Código Alimentario Español (CAE) e agora tamén a castaña.

30 de novembro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.