publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Valentín García visita a mostra ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso’ en Monforte de Lemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+
Valentín García na visita á mostra en Monforte de Lemos

Valentín García na visita á mostra en Monforte de Lemos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, achegouse hoxe ao mediodía ao concello lugués de Monforte de Lemos para facer unha visita institucional á exposición itinerante ‘Manuel María (1929-2004). Beleza, amor e compromiso’, que expón a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 4 ao 17 deste mes, no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2016 e da pertenza deste municipio á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Acompañouno o rexedor municipal, José Tomé.

García Gómez destacou na súa visita “a especial relación de Manuel María con Monforte de Lemos, localidade na que residiu tantos anos, que constiúe toda unha referencia na biografía do autor”.

Tres paradas máis ata final de ano

Dun xeito ameno e gráfico, a exposición aborda a personalidade do autor e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais. Faino a través de 10 paneis –elaborados a partir do material achegado pola propia Fundación Manuel María de Estudos Galegos–, que se complementan cun folleto informativo sobre a figura, a vida e a obra do escritor. A identificación do poeta coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios son algúns dos aspectos nos que afonda a mostra.

Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e mais pola Casa-Museo Manuel María, a mostra leva percorridos desde maio outros oito concellos (A Coruña, Outeiro de Rei, Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra e Vigo) e rematará a súa itinerancia por un total de doce a finais de novembro con paradas en Lugo, Ferrol e Ourense.

11 de outubro de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.