publicidade hoxe

O conselleiro de Política Social marca as políticas sociosanitarias como un dos piares básicos da nova lexislatura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, visitou na mañá de hoxe a Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Psíquicos AFAES sita en Narón e que desenvolve a súa labor na área sanitaria de Ferrol. Alí o conselleiro fixo unha alegación en prol da inserción social daquelas persoas que sofren algunha discapacidade ou enfermidade mental e destacou a “gran contribución” que estas persoas tamén fan a Galicia. “Seguimos traballando para coñecer a todas as entidades de Galicia das diferentes discapacidades, entre as que está a enfermidade mental”, apuntou. Nesta liña, o conselleiro en funcións asegurou que un dos obxectivos fundamentais nesta nova lexislatura é “dar un pulo ás políticas sociosanitarias para tratar de englobar toda a coordinación pública para pensar nas persoas”.

Co gallo do Día da Saúde Mental que se celebra o vindeiro 10 de outubro e que ten como obxectivo concentrar a atención mundial na identificación, tratamento e prevención dos trastornos emocionais ou de conduta, AFAES Portanova levará a cabo unha serie de actividades durante toda a semana entre as que destacan exposicións, charlas, magostos ou a disposición dunha mesa informativa no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O conselleiro en funcións animou a toda a sociedade a participar neste dia de concienciación da realidade destes problemas xa que “a sensibilización e a empatía son o único camiño posible cara un país diverso no que todos sexamos tratados por igual e contemos coas mesmas oportunidades”.

Asemade, o conselleiro en funcións sinalou que con motivo do Día da Saúde Mental, celebrarase a I carreira andaina pola Saúde Mental, promovida por AFAES. Serán 5 quilómetros que terán comezo no paseo marítimo de Xuvia.

O máximo responsable da carteira social do Goberno galego, salientou a importancia de asociacións como AFAES que “forman parte do movemento asociativo a favor das persoas con enfermidade mental”. Nas súas verbas uniu os obxectivos da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, cos de AFAES Portanova como poden ser o desenvolvemento de actividades que promovan a saúde e o benestar do enfermo mental, a súa recuperación psicosocial e laboral, a súa integración no medio no que vive e o apoio aos seus familiares.

O conselleiro en funcións referendou a colaboración da Xunta de Galicia con este tipo de asociacións e destacou que ano tras ano medra a confianza da Consellería de Política Social con AFAES. Así, sinalou que desde o Goberno autonómico “seguiremos apoiando o traballo destas asociacións nos vindeiros anos”. Nesta liña lembrou que no curso 2016, o Goberno autonómico investiu en AFAES un total de 31.140 euros, un 76% máis que en 2015 cando se investiron 17.656 euros.

7 de outubro de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.