publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Villanueva insta a achegar calquera dato que poida ser relevante na busca de Diana Quer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do Caramiñal
A-
A+
Europa Press

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, agradeceu a colaboración cidadá na busca da moza madrileña Diana Quer, desaparecida na Pobra do Caramiñal (A Coruña) o pasado 22 de agosto, aínda que instou a seguir achegando “calquera dato que poida ser relevante”.

Mentres, preguntado polas manifestacións da familia do novo desaparecido en Baiona, Iván Durán Valverde, de 30 anos, que pediu a mesma axuda para localizalo, Villanueva dixo que “cada caso é distinto” e precisou que se actúa en función do que “estiman” os investigadores.

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza nun acto conmemorativo da Forza Loxística Operativa, admitiu que o caso de Diana Quer se trata dun asunto “complicado” despois de que as batidas, programadas para este xoves e este venres, resulten “infrutuosas”.

Sobre estas, dixo que a previsión é que finalicen esta xornada. “Posteriormente, se se decide realizar máis batidas, a Garda Civil que dirixe o caso establecerá as que sexan necesarias”, engadiu.

Non obstante, incidiu en que continúa a investigación na que participan medios da Garda Civil de Galicia e de unidades centrais de Madrid.

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

Villanueva agradeceu, ademais, a colaboración cidadá para que se achegue “calquera dato” que se poida considerar relevante e ratificou que se manteñen abertas todas as liñas de investigación.

Preguntado se a nai de Diana Quer volverá prestar declaración, por supostas contradicións coa primeira que prestou, o delegado do Goberno incidiu no segredo de sumario das actuacións. Con todo, precisou que a Garda Civil levará a cabo todas as actuacións que “considere oportunas”, baixo a supervisión do xulgado.

Sobre a busca, reiterou que se manterá “ata que os investigadores consideren oportuna”, aínda que mostrou a súa confianza en que o caso poida resolverse “de forma positiva”. O delegado confirmou tamén que a investigación se estendeu a Madrid co interrogatorio de achegados e coñecido.

DESAPARICIÓN EN BAIONA E TRIVES

Respecto ao novo desaparecido en Baiona (Pontevedra), dixo que a busca se amplía ese venres “con medios aéreos e marítimos”, tras as batidas con cans. Mentres, descartou que non se estean a destinar os medios suficientes.

Así, indicou que estes se determinan “en función do caso”. Como exemplo, puxo o caso da octoxenaria desaparecida na Pobra de Trives (Ourense). Deste caso, precisou que se potenciará a busca este sábado “con máis medios”.

2 de setembro de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.