publicidade hoxe

Os servizos de limpeza retiraron 32 toneladas de lixo tras a Festa da Auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O operativo especial de limpeza deseñado polo Concello con motivo da celebración da Festa da Auga douse por pechado á unha da tarde de hoxe co saldo de máis de 32 toneladas de lixo retiradas das rúas e espazos públicos do centro da cidade, 6 toneladas menos que o ano pasado. Ochenta e dúas persoas entre operarios municipais e da empresa concesionaria Cespa, participaron no operativo que comezou ás sete da mañá do martes. O edil responsable de Limpeza agradeceu aos traballadores o inmenso esforzo realizado, xa que tiveron que duplicar quendas para que Vilagarcía puidera recuperar a normalidade coa maior brevidade e para que os festexos continuasen o día de San Roque pola tarde coa cidade en óptimas condicións. De feito, o operativo desenvolveuse sen incidencias o que permitiu rematar a limpeza das rúas case dúas horas antes da hora prevista.

Unha afluencia menor de xente que a do ano pasado- ano excepcional debido a que San Roque caeu en domingo- e a baixada das temperaturas, que animou á xente a recollerse antes da festa, sumado ao incremento de medios humanos e materiais do operativo especial de limpeza propiciaron que o aseo das rúas de Vilagarcía tras a Festa da Auga se levase a cabo este ano con maior celeridade e incluso permitiu ás máquinas de baldeo realizar unha segunda pasada polas zonas peonís do centro para perfeccionar a labor.

Outras das zonas ás que regresaron as cuadrillas de limpeza pola tarde, tras a recollida da primeira hora da mañá, foron ás zonas da praia e á TIR, onde a festa proseguir ata a primeira hora da tarde, facendo preciso unha segunda recollida de desperdicios e limpeza de espazos públicos.

Únicas incidencias en Méndez Núñez e Moreira e Casal

No balance que fixo hoxe o concelleiro de Limpeza, Lino Mouriño, salientou que o operativo se desenvolveu con total normalidade o que facilitou a labor dos traballadores que puideron traballar cómoda e rapidamente. Como únicas incidencias apuntou as rexistradas en Méndez Núñez e en Moreira e Casal. Na primeira das rúas polo atraso na recollida dalgunha barra exterior de venta de bebidas e que festa seguía ás seis da tarde, polo que os servizos de limpeza tiveron que pasar de largo e volver máis tarde.E no segundo, porque unha gran afluencia de xente no exterior dun pub alí emprazado impediu, ás oito da tarde de onte, que os efectivos de limpeza puidesen asear a zona ata o día de hoxe.

A Concellería de Obras e Servizos pechou este mediodía o operativo especial de limpeza, despois de que se procedese á recollida de desperdicios

Agradecemento aos operarios municipais e de Cespa

Mouriño fixo público o seu agradecemento persoal e o de todo o goberno local aos traballadores dos departamentos de Xardíns, Obras, Medio Ambiente e Alumeado que participaron no operativo a costa de perder o día de festa para que os vilagarciáns e visitantes puideran gozar delas nas mellores condicións e os hostaleiros puideran aproveitar a tarde noite do día festivo. O concelleiro fixo extensivo o agradecemento aos operarios de Cespa. En total foron 48 os operarios municipais e 33 os da concesionaria os que conseguiron que Vilagarcía recuperase á normalidade tras a celebración máis multitudinaria e longa que acolle a cidade anualmente

17 de agosto de 2016 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.