publicidade hoxe

O rexedor de Bueu visita as obras no vial provincial de A Torre e Igrexario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+
O alcalde de Bueu na visita ás obras

O alcalde de Bueu na visita ás obras

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de obras, Fidel Castro, visitaron este xoves o avance na construción do muro de contención que están levando a cabo operarios da Deputación de Pontevedra na marxe esquerda do vial que une A Torre co Igrexario, en Cela.

Estas obras, nas que se destina un orzamento de 180.000 euros, licitáronse pola vía da urxencia debido á existencia dunha ameaza de derrubo inminente.  Tal e como se destaca no proxecto técnico, “faise preciso comezar os traballos de emerxencia para reparar de forma inmediata o punto sinalado, consolidar a traza e evitar a súa ruína completa”.

Este vial está sendo arranxado por operarios provinciais, que están solucionando os problemas derivados das tubaxes con perdas e filtracións de chuvia que minaron o firme da calzada. Ademais, a finais do ano pasado xa se levantaron varios tramos para facer un saneamento da vía.

Licitación adquisición caldeira biomasa

Por outra banda, o BOPPO publicou hoxe as bases para a adquisición dunha caldeira de biomasa para instalar no Pavillón Pablo Herbello, con cargo ás subvencións do Instituto Enerxético de Galicia. O prazo de presentación de ofertas é de oito días naturais, e o prezo de licitación é de 27.199,95 euros, IVE incluído. Os criterios que se terán en conta á hora da adxudicación son: a oferta económica (ata 70 puntos), mellora no prazo da garantía (ata 20 puntos), e redución do prazo de entrega (10 puntos). 

19 de agosto de 2016 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.