publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta posibilita o acondicionamento dun castro en Ortigueira con Iniciativa Xove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

Un grupo de mozos e mozas realizarán tarefas de acondicionamento e divulgación do Castro de Punta dos Prados, situado no municipio coruñés de Ortigueira, en concreto, na parroquia de Espasante. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, presentou hoxe xunto cos seus responsables esta actividade, que se enmarca na acción Iniciativa Xove. Así, os rapaces e rapazas impulsores destes traballos reciben ao abeiro deste programa de participación xuvenil unha axuda de 5.000 euros que lles permite acometer a limpeza do manto vexetal do xacemento arqueolóxico co obxecto de facelo visible e que se poida visitar, ao tempo que realizan unha serie de actividades de divulgación cultural para achegar o castro á comunidade local e implicar aos veciños na súa conservación.

Cecilia Vázquez destacou de Iniciativa Xove que se trata dunha proposta “onde a Administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas, procurando que a burocracia ceda o protagonismo á xuventude”. Así mesmo, engadiu que “este programa Xove está pensado como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, se estimula o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas”.

Este ano un total de 122 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas se benefician dunha achega conxunta de 546.000 euros, que a Xunta de Galicia pon a disposición da mocidade galega a través de Iniciativa Xove. Unha proposta pioneira no Estado español que aposta por ceder o protagonismo á xuventude a través da estimulación do liderado, a creatividade e o talento xuvenil.

Dos proxectos beneficiados con este programa, 68 corresponden a asociacións xuvenís e 54 a grupos informais de mozas e mozos. En liña coas recomendacións da Unión Europea, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que financiou iniciativas de grupos informais, co fin de que a excesiva burocracia non sexa un impedimento para que leven a cabo os seus proxectos.

A directora Xeral de Xuventude lembrou que Iniciativa Xove financia o cento por cen dos proxectos de interese cun orzamento máximo de 5.000 euros, un 20% máis que na edición anterior. Así mesmo, todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, reciben un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida. “Isto permitiralles financiar o proxecto sen ter que poñer apenas cartos do seu peto, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas”, destacaba Cecilia Vázquez.

Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permitirá confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.

 

18 de agosto de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.