publicidade hoxe

O Festival Hércules Brass converterá nunha singular festa da música a Celanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanovaOurense
A-
A+
Presentación do Festival Hércules Brass de Celanova

Presentación do Festival Hércules Brass de Celanova

O III Festival Hércules Brass converterá Celanova, do vindeiro 1 ao 5 de agosto, nunha singular festa da música. Farao cun cartel que inclúe 10 concertos de importantes grupos do panorama nacional e internacional, como Airas Ensemble, Málaga Brass, Aida&Cris e GDjazz, entre outros, de estilos musicais diferentes que van desde o Barroco e concerto de órgano ata o jazz e as músicas de novas tendencias.

A programación da terceira edición desta iniciativa, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, foi presentada esta mañá en rolda de prensa, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor a vertente de formación que caracteriza o festival, a través de catro días de clases maxistrais en diferentes modalidades (trompeta, trompa, trombón e tuba) dirixidas a estudantes de música, da man de “profesorado cunha destacada traxectoria no plano artístico e docente”.

Clases de música de cámara e orquestral

Como novidade e complemento da variada oferta do festival, este ano impartiranse clases específicas de música de cámara e orquestral a todo o alumnado de nivel avanzado e daranse pautas específicas para a preparación de audicións. A nova edición do festival, que tamén contará cun concerto da Banda Municipal de Celanova con María do Ceo, pechará a súa programación do día 5 de agosto con dous concertos, un a cargo do alumnado e outro de Hércules Brass Ensemble.

O III Festival Hércules Brass Celanova é unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Xingros, co apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Celanova e da Deputación de Ourense, cos obxectivos principais de fomentar o coñecemento e a apreciación musical dos participantes, así como de ampliar e actualizar a súa formación; de ofrecer unha programación musical con grupos e artistas de gran talento e cunha posta en escena de calidade e tamén de dar a coñecer a través da música o patrimonio histórico, literario e cultural da comarca.

Hércules Brass, en Galicia Culturea

O nome do festival dállo o grupo de metais Hércules Brass –Víctor Vilariño, trompeta; Esteban Méndez, trombón; Alejandro Vázquez, trompeta; Javier González, trompa; e Rodrígo Rodríguez, tuba–, que nas próximas semanas tamén ofrecerá seis concertos noutros tantos concellos galegos dentro do programa Galicia Culturea, unha iniciativa da Consellería de Cultura e Educación que durante os meses de xullo, agosto e setembro levará ao longo da xeografía galega unha completa oferta cultural e de ocio pensada para todos os públicos.

18 de xullo de 2016 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.