publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Beatriz Mato e o alcalde de Cotobade asinan o convenio para mellorar o saneamento de Tenorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+
A conselleira de Medio Ambiente na sinatura do convenio co Concello de Cotobade

A conselleira de Medio Ambiente na sinatura do convenio co Concello de Cotobade

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá mellorar a rede de saneamento da parroquia de Tenorio, unha actuación na que o Goberno galego investirá algo máis de 1,8 millóns de euros.

En concreto, segundo explicou Mato na súa visita a Cotobade, os traballos consistirán na mellora e ampliación da rede de colectores de saneamento da parroquia, para o que se executarán oito novos tramos dunha lonxitude total de 4 quilómetros; na execución de dous pozos de bombeo en Covas e Lérez, con 300 metros de tubaxe de impulsión; e na construción dunha nova depuradora de augas residuais, cunha capacidade para dar servizo a máis de 1.000 habitantes equivalentes.

A conselleira inscribiu este proxecto na aposta firme do Goberno galego a prol do abastecemento e o saneamento para todos os galegos e galegas. “A auga supón unha fonte imprescindible de vida, de saúde e de benestar que, en pleno século XXI, debería estar ao alcance de todos”, subliñou.

Ao respecto, sinalou que este compromiso da Xunta reflíctese nos feitos e no esforzo orzamentario que está acometendo. Así, nos últimos anos destináronse máis 110 millóns de euros a actuacións de abastecemento, o que supuxo a construción de preto de 800 quilómetros de tubaxes para mellorar o abastecemento para 600.000 galegos. Ademais, dedicáronse preto de 1.000 millóns de euros a actuacións de saneamento e depuración.

“Os resultados positivos dos nosos esforzos pódense cuantificar”, destacou Mato, quen recordou que se en 2009 o 70% das augas de Galicia eran de boa calidade, mentres que agora esa cifra acada o 78%.

En definitiva, rematou, iniciativas como esta que se presentou hoxe en Cotobade constitúen un exemplo de “cooperación e coordinación” entre a administración autonómica e a local, unha colaboración que permite ofrecer os “mellores” servizos e recursos aos veciños.

Por último, Mato e Cubela analizaron a marcha do proxecto do Centro de recuperación de fauna que nestes momentos ten practicamente finalizado o proxecto construtivo e que, polo tanto, a previsión é se poidan realizar os trámites de licitación ao longo do verán.

11 de xullo de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.