As feiras do libro de Galicia fan parada en Rianxo cos títulos máis recentes
As Feiras do Libro de Galicia fan parada esta semana no municipio de Rianxo, onde estarán desde hoxe e ata o domingo 24 de xullo na praza Castelao. A nova edición da feira, que inclúe unha completa e variada programación de actividades, foi inaugurada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou o municipio como “berce de ilustres escritores”, en referencia a autores como Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio.
“Este protagonismo de Rianxo nas letras galegas sae reforzado con citas como a que agora inauguramos”, afirmou o secretario xeral, ao tempo que se referiu á condición do concello de “epicentro galego do libro e da dinamización da lectura durante os próximos días”.
A Feira do Libro de Rianxo abriu hoxe as súas portas para lle achegar á cidadanía, ata o vindeiro 24 de xullo, a produción editorial máis recente, a través das librerías que participan na edición deste ano e de recoñecidos escritores e escritoras, entre as que se inclúen María do Cebreiro –encargada de ler o pregón–, Xosé Manuel Lobato, Miro Villar, Alberto Canal e Ramón Caride, entre outros.
Ademais, para dinamizar o encontro, desenvolverase unha completa e variada programación de actividades, que inclúe 20 propostas para todos os públicos. A música, que abriu a feira, estará tamén presente co concerto infantil Canta o cuco, con Uxía e Magín Blanco, e promovido pola Agadic; coa actuación da Banda Ateneo de Negreira e co espectáculo que ofrecerá Roi Casal. Tampouco faltarán as artes escénicas, con maxia e un festival de danza; os contacontos, obradoiros e coloquios arredor de novidades editoriais.
Recta final das feiras
Logo de percorrer desde abril os concellos de Pontevedra, Ferrol, Santiago, O Porriño, Redondela, Ribeira, Ourense, Lugo e Vigo, as Feiras do Libro de Galicia chegarán nas próximas semanas aos municipios da Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), de Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); de Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, de Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto), onde porán fin ao seu percorrido polas catro provincias galegas.