publicidade hoxe

A Xunta investirá 160.000 euros na rehabilitación da avenida de Mendiño e na humanización do pavillón da Marisma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá 160.000 euros na rehabilitación da Avenida de Mendiño, así como na humanización do contorno do pavillón polideportivo da Marisma, dentro do concello de Redondela. Así se recolle no convenio asinado entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Javier Bas.

Os traballos consistirán, fundamentalmente, na creación dunha beirarrúa perimetral que permita o acceso ao pavillón cumprindo as condicións da normativa de supresión de barreiras arquitectónicas. Para conseguilo, crearanse dúas ramplas para facilitar a accesibilidade desde a parcela contigua de aparcamento. Tamén se repararán as beirarrúas e calzada que existía anteriormente ao pavillón, favorecendo así o tránsito ás persoas con mobilidade reducida.

Ao mesmo tempo, efectuaranse diversas melloras na rede de alumeado público, modificando a posición de postes fóra da beirarrúa, de xeito que se amplíe o espazo destinado aos peóns.

Plan Hurbe
Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

28 de xullo de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.