publicidade hoxe

A Consellería do Mar reforza a seguridade das embarcacións do porto de Camariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñas
A-
A+
Rosa Quintana na visita ao porto de Camelle.

Rosa Quintana na visita ao porto de Camelle.

A Consellería do Mar vén de reforzar a seguridade das embarcacións profesionais do porto de Camariñas. Así o comunicou esta mañá a titular do departamento autonómico Rosa Quintana nunha visita aos portos de Camariñas e Camelle para comprobar os traballos executados polo seu departamento para a mellora das condicións de traballos dos mariñeiros do municipio coruñés.

Quintana, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, comprobou os traballos de instalación de fingers no porto pesqueiro de Camariñas que quedaron rematados nas últimas semanas. En concreto trátase de 31 fingers, brazos de amarre, “que darán servizo a máis de medio centenar de barcos do sector profesional”, sinalou.

A conselleira explicou tamén que esta actuación, na que a Xunta investiu 48.000 euros, dá resposta a unha solicitude da Confraría de Pescadores camariñá e súmase ao resto de traballos executados pola Administración autonómica para a mellora das condicións de traballo dos profesionais do mar na localidade. Neste sentido lembrou que durante os últimos anos o porto de Camariñas experimentou unha destacada mellora coa ampliación do peirao e a dotación de abrigo, unha actuación que contou cun investimento de 3,2 millóns de euros e que quedou rematada no ano 2014.

No seu percorrido polas instalacións portuarias, Quintana Carballo informou tamén de que a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar nun proxecto solicitado pola confraría para a construción dunha canaleta de recollida de líquidos residuais no peirao. Indicou así mesmo que o ente público prevé a pavimentación da explanada e a contorna da fábrica de xeo e a lonxa e do vial de acceso ao porto.

Finalmente a conselleira trasladouse tamén ao peirao de Camelle para visitar as obras de reparación, recolocación e reforzo do dique rebasable executadas nos últimos meses. Esta actuación deu resposta aos danos causados polos temporais do inverno que racharan varios bloques dos que forman este dique e desprazaran outros polo que houbo que reparalos in situ e devolvelos á súa posición. Ademais, Portos executou tamén a repavimentación de varias zonas deste peirao que sufrían o desgaste do paso de vehículos pesados.

Ademais esta mañá a conselleira do Mar tamén visitou a confraría de Camariñas e mantivo unha reunión cos seus representantes e hoxe tamén manterá unha xuntanza cos representantes da confraría de Camelle. O obxectivo destas visitas é coñecer de primeira man as súas necesidades.

20 de xullo de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.