publicidade hoxe

Francisco Conde sinala a Utingal como exemplo de que o sector aeronáutico xa está a crear riqueza en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+
Francisco Conde na visita a Utingal

Francisco Conde na visita a Utingal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou na súa visita ás instalacións de Utingal que esta compañía é un exemplo de que o sector aeronáutico non só ten un enorme potencial en Galicia senón que xa está a crear riqueza e emprego na comunidade.

Conde destacou que a compañía, que vén de ampliar as súas instalacións cunha nova nave de 4.000 m2 que lle permite triplicar o espazo dispoñible co obxectivo de fabricar novas pezas e ampliar a súa capacidade de produción, subministra desde Tui aos principais construtores de avións do mundo e triplicou nos últimos anos o seu cadro de persoal ata chegar aos 60 traballadores.

Sinalou o responsable de Economía, Emprego e Industria que Utingal é unha mostra de diversificación industrial, aplicando e adaptando o seu know how na automoción a un novo eido de actividade, ao tempo que resaltou a aposta da empresa pola innovación e o coñecemento, participando en programas como o Innterconecta ou o Conecta Pemes.

Durante a visita, o conselleiro lembrou que a Xunta está a potenciar o sector aeronáutico en Galicia co polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, en cuxo desenvolvemento vai xogar un papel clave a industria do sur de Galicia; apoiando o Centro de Innovación Aeroespacial en Nigrán, ou co novo grao en Enxeñaría Aeroespacial que ofrece a Universidade de Vigo no seu campo de Ourense, ademais de apuntalar a competitividade das empresas e apoiar a cooperación en ámbitos como Udega ou o Consorcio Aeronáutico Galego.

Neste contexto, tal e como subliñou Conde, tanto a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) como a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 supoñen unha oportunidade para seguir consolidando o sector, que vai ser fundamental na implantación na comunidade da fábrica intelixente. Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria recordou que no Concurso de Ideas Industria 4.0 que se vén de resolver o aeronáutico centra un dos catro proxectos gañadores, liderado por Asime e coa participación activa de Utingal.

13 de xuño de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.