publicidade hoxe

‘Comercio con talento’ distingue ao establecemento de Aspadex en Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCeeLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá en Cee ao establecemento da asociación Aspadex no centro comercial Finisterrae un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación e calidade. Un xurado especializado escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame recibidos.

Os alumnos autores dos proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini. O establecemento de Aspadex foi proposto por Alba Rodríguez, alumna do Grao Medio de Actividades Comerciais do IES Ramón Ménendez Pidal da Coruña.

No seu traballo a estudante non só destaca a coidada elaboración dos produtos de Aspadex, senón tamén a súa capacidade para crecer sen perder a súa esencia, a dun taller ocupacional para persoas con discapacidade que soubo ampliar a súa oferta ata converterse nunha das tendas máis recoñecidas desta localidade da Costa da Morte, con artigos de decoración, xoiería e incluso a súa propia liña de roupa para bebés. A día de hoxe xa vende en todo o país a través da súa tenda on line.

O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de impulso ao comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha diferentes programas de axudas para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, impulsar o smart commerce, ou respaldar o asociacionismo comercial.

27 de xuño de 2016 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.