publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta premia ao CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros no certame de Cooperativismo nas Escolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreiros
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou na localidade lucense de Barreiros na entrega de premios aos alumnos do CEIP San Miguel de Reinante no certame ‘Cooperativismo nas Escolas’. A entrega destes galardóns forma parte do programa de actividades que a Consellería de Economía, Emprego e Industria co Consello Galego de Cooperativas están a desenvolver con motivo do Día do Cooperativismo, que se celebra este ano o sábado 2 de xullo.

‘Cooperativismo nas Escolas’ é unha iniciativa coa que se promove entre os estudantes de Galicia o coñecemento desta fórmula empresarial e os valores que representa. Alumnos e alumnas do colexio San Miguel de Reinante foron premiados por un total de cinco traballos: Coope-Cine, Navegamos xuntos, Unha cooperativa, unha gran aventura, Pequenos cooperativistas e Coope-Rock. Os estudantes recibiron materias didácticos, audiovisuais ou informáticos valorados en 8.000 euros.

A secretaria xeral de Emprego felicitou aos gañadores animándolles a seguir traballando en equipo, colaborar e esforzarse por alcanzar un obxectivo común, todos eles valores que fomenta a Economía Social, un sector que aglutina na Comunidade a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas.

Unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é impulsar o cooperativismo e, para iso, esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. A Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.

Programa de actividades

Ata o próximo luns 20 de xuño entregaranse o resto de premios do certame ‘Cooperativismo nas Escolas’ no que tamén resultaron gañadores o CEIP Plurilingüe Domaio (Cangas), o CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo), o IES Santa Irene (Vigo) e o CPI Toural (Vilaboa).

Así mesmo, mañá iniciarase en Redondela a campaña ‘Cooperativismo en Movemento’ coa que se achegará a diversas localidades galegas as vantaxes deste modelo de negocio a través de representacións músico-teatrais, xogos e unha exposición. En concreto, esta actividade, ademais de en Redondela, realizarase en Vilalba e Monforte (Lugo), Verín e Xinzo de Limia (Ourense) e Ribeira (A Coruña).

Este programa de actividades rematará o día 2 de xullo coa celebración anual do Día do Cooperativismo e a entrega dos premios ás cooperativas. Na xornada anterior, o 1 de xullo, celebrarase unha xornada de portas abertas nas cooperativas de Galicia.

16 de xuño de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.